ConcellosÚltima hora

Igualdade destina 4,2 millóns de euros para iniciativas nos concellos da provincia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López, informou desta liña de axudas aos responsables das entidades locais

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, mantiveron unha xuntanza na mañá de hoxe, 23 de xaneiro, cos responsables e persoal técnico dos 92 concellos da provincia para informarlle da nova convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Segundo explicou Susana López, o obxectivo do departamento que dirixe é o de “apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo dende as administracións locais”, concretamente en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a rede de centros de formación ás mulleres (CIM) existentes en Galicia, “integrada por 81 centros dos que 14 pertencen á provincia”, informou López.

Estas axudas contan cun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros -cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupacións de concellos. Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións, 58 concellos da provincia recibiron un total de 620.000 euros.

Segundo contou a secretaria xeral de Igualdade, a primeira liña das axudas son para a conciliación “para fomentar a corresponsabilidade” entre homes e mulleres. Isto tradúcese tamén na financiación de bancos de tempo co fin de facilitar ás persoas empadroadas nese concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e coñecementos entre mulleres e homes. Esta medida conta cun orzamento de 525.000 euros.

A contía máxima que pode recibir unha entidade local local por este programa, dixo Susana López, é de 12.000 euros “no caso de solicitudes individuais” e ata 22.000 euros “se é unha solicitude para xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de varios concellos”.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas da violencia de xénero, dos seus fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento para esta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que poder recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso da solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta.

E finalmente, está o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), que é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 3.370.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Na anterior convocatoria, os CIMs da provincia recibiron máis de 485.000 euros. Esta liña de axudas ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos nestes centros de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button