DeportesÚltima hora

II andaina “Serra Mosteironda”, o vindeiro 30 de outubro

O evento poñerá en valor antigos sendeiros do Concello de Velle
Rosendo Fernández, Francisco Sotelo, David Hermida e Bernardino González.
Rosendo Fernández, Francisco Sotelo, David Hermida e Bernardino González.

A segunda edición da andaina “Serra Mosteironda” está fixada para o vindeiro domingo, 30 de outubro. Así o anunciaba a asociación de veciños Santa Marta, do Concello de Velle, que se desprazou até o Pazo Provincial da Deputación de Ourense para presentar o evento deportivo. Na representación do colectivo foron o presidente Francisco Sotelo e David Hermida, vogal. Por parte da Deputación, estivo presente o vicepresidente, Rosendo Fernández, e o asesor de Deportes do goberno provincial, Bernardino González.

Esta andaina é “unha actividade importante dentro da asociación”, explicou o presidente da asociación organizadora, que engadiu que a levan a cabo “co fin de dinamizar a parroquia de Velle para que a xente de fóra e incluso do pobo coñezan camiños, zonas e paseos que estaban abandonados e que coa andaina se poñen de novo en valor”. O vicepresidente da Deputación incidiu, pola súa banda, na importancia de colaborar con actividades coma esta que mestura “deporte, saúde, gastronomía e turismo”.

A proba contará con dous traxectos. O longo contará con 18 quilómetros e o curto será de só 10. Segundo din dende a organización, o percorrido é “accesible para calquera persoa” e terá saída ás 9:30 horas dende a área recreativa O Palao. Para participar, os interesados poderán inscribirse até o 28 de outubro. O custe da inscrición é de cinco euros, que inclúe andaina, dous avituallamentos, un obsequio e aperitivos ao finalizar a proba.

Artigos relacionados

Back to top button