En portadaÚltima hora

II Foro Hispano-Luso “Lagares Rupestres”, na comarca de Monterrei en setembro

Este encontro, previsto do 7 ao 9 de setembro, servirá ademais para constituír unha Federación de Asociacións en defensa e divulgación dos lagares rupestres de todos os países da conca do Mediterráneo
Lagares rupestres de diferentes provincias españolas, entre elas a de Ourense./ Foto cedida.

Un grupo multidisciplinar de expertos reuniranse na segunda fin de semana de setembro na comarca de Monterrei (en concreto nos concellos de Verín, Oímbra e Monterrei) para participar no II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres. Trátase do “único evento destas características que se celebra en España sobre a cultura milenaria de produción de viño na península ibérica”, tal e como se destaca dende a organización.

Esta xuntanza pretende dar continuidade e impulsar o compromiso adquirido a través do Manifesto de San Esteban de la Sierra (Salamanca), no que unha vintena de especialistas lusos e españois de diferentes disciplinas acordaban a identificación, protección e divulgación destas estruturas rupestres que en moitos casos teñen máis de 2.000 anos e que demostran a existencia da cultura do viño na península.

A escolla desta comarca ourensá para este segundo foro non é casual. A Denominación de Orixe Monterrei está considerada como a zona vitivinícola galega que concentra o maior número de lagares, uns restos arqueolóxicos que conformaban antigas bases de prensas para o aplastado da uva e outros froitos (oliva, mazá…) e escavados en afloramentos de rocha natural.

Este foro servirá para constituír unha Federación de Asociacións en defensa e divulgación dos lagares rupestres de todos os países da conca do Mediterráneo, “un amplo territorio que conta con máis de mil exemplares identificados, un feito que evidencia que a  produción de viño é culturalmente identitaria desta área europea”, tal e como se destacan dende a dirección do foro.

Neste senso, un dos obxectivos máis inmediatos do foro será a creación dunha “Carta Europea” de localización dos lagares rupestres dos diferentes países “como paso previo á súa declaración de Patrimonio Cultural Europeo”. E no caso concreto de España potenciarase a protección destes restos arqueolóxicos para que sexan identificados e considerados Bens de Interese Cultural.

Así mesmo, o encontro analizará as posibilidades de desenvolvemento de diferentes actos para impulsar a actividade económica das localidades e rexións posuidoras destes bens como referentes turísticos e culturais.

Este II Foro Hispano-Luso de Lagares é un evento promovido por Turismo de Galicia e está dirixido por Luis Paadín. Nel tamén colaboran diferentes asociacións de España e Portugal e conta coa participación de numerosos arqueólogos, historiadores, antropólogos, enólogos e etnógrafos procedentes de Euskadi, Aragón, Valencia, Estremadura, A Rioxa, Castela e León, Andalucía, Galicia e diferentes rexións de Portugal.

 

Artigos relacionados

Back to top button