Un total de 130 deportistas, segundo os datos da organización, participaban na II edición do Gran Premio de Montaña e Andaina da Rúa que se celebraba na soleada mañá do 8 de outubro.
Con saída e meta na praza Enriqueta Casanova de Fontei, a proba atlética (trail e tamén andaina de diferentes distancias), levou aos participantes por boa parte da montaña ruesa, pasando por lugares como San Xulián, o Miradoiro do Barranco Rubio ou Roblido.
Con respecto á clasificación xeral, no trail longo o máis rápido foi o sénior Olmo Allue López que completaba o percorrido de 26 quilómetros en 2 horas e 41 minutos. Un minuto e medio despois entraba en meta, o veterano valdeorrés Raúl Delgado Cereijo do Tres Lunas (2:42:30), e no terceiro posto do podio colocouse o tamén veterano Breogán Baptista (2:57:17).
E no que se refire ao trail curto, de 16 quilómetros, o vencedor absoluto foi o sénior Isaac Rodríguez Rodríguez que facía un tempo de 1:44:43. Segundo foi o sénior Raúl Rodríguez Ibarra (1:50:23) e terceiro, o veterano Deibi Chalana Tega (1:52:15).
A proba atlética estivo organizada polo Club Atletismo Rúa co apoio do Concello da Rúa e a colaboración de diferentes empresas.
Fotos: Club Atletismo Rúa. Excepto a última da galería que é do Tres Lunas.