En portadaTempo de EntroidosÚltima hora

II Mascarada Ibérica Viana-Vilariño, os días 16 e 17 de xaneiro

Reunirá a unha vintena de celebracións de inverno de diversos puntos da península
Participantes na pasada edición da Mascarada, na praza Maior de Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na pasada edición da Mascarada, na praza Maior de Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

As rúas e prazas das vilas de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso acollerán na fin de semana do 16 e 17 de xaneiro a segunda edición de Mascarada Ibérica, unha iniciativa que arrancaba con éxito en xaneiro do 2015. Nesta edición reunirá unha vintena de grupos tanto ourensás como doutros puntos da península como Asturias, Zamora ou mesmo a parte norte de Portugal.

Así o oriente ourensán estará representado pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, os folións rurais de Viana, o das Carrelas e o alternativo (os tres de Viana do Bolo), o Folión de Buxán (O Bolo), o Folión da Mourela p’acá de Manzaneda e o de Mormentelos (Vilariño de Conso).

Ademais neste encontro participarán o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Lugo), os Vellaróns de Riós, os Troteiros de Bande, os Peliqueiros e Parranfón de Campobecerros, os Sidros de Valdesoto (Asturias), a Talanqueira e a Visparra de San Martín de Castañeda (Zamora) e a de Vigo de Sanabria (Zamora). Tamén poderá verse aos Caretos de Parada e de Lazarim (Portugal) e o Antruido Pare de Piasca (Cantabria).

O folión da Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño, na mascarada celebrada nesta localidade no 2014./ Foto: Carlos G. Hervella.
O folión da Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño, na mascarada celebrada nesta localidade no 2014./ Foto: Carlos G. Hervella.

O programa comezará na tarde do 16 de xaneiro cun desfile que partirá ás 17h. da zona do Toural, en Viana do Bolo, e que rematará na praza Maior. Ao día seguinte, domingo 17, haberá un novo desfile en Vilariño de Conso, que sairá da praza da localidade.

Esta II Mascarada Ibérica no oriente ourensán será organizada pola Comisión do Entroido 2016 de Viana e pola Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso en colaboración cos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e da SAGA.

Artigos relacionados

Back to top button