ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

II Sendeiro Nocturno do verán polos Sequeiros triveses

Máis de 200 persoas participaban nesta ruta circular organizada polo Concello de Trives

Dende Pena Folenche partían ás nove e media da noite do 19 de agosto os máis de 200 camiñantes que participaban no segundo dos “Sendeiros Nocturnos” incluídos no programa de verán do Concello de Trives. Dende aí afrontaban unha ruta teatralizada en dirección aos Sequeiros e que tiña un traxecto circular duns tres quilómetros de percorrido. Este grupo ía en todo momento acompañado dunha guía e dun operativo de Protección Civil.

Como sucedía na primeira ruta nocturna, ao longo do paseo ían aparecendo diversos personaxes en cada recuncho. Era o caso de dúas fadas e dun trasno que recibían aos andaríns e achegábanos ao mundo dos contos envoltos por unha máxica música.

Un pouco máis adianta atopaban a unha fotógrafa americana que ía na procura de tradicións e que, da man do personaxe dunha muller da zona, chegaba a coñecer Os Sequeiros. Neste conxunto etnográfico aparecían novos personaxes mentres representaban diversos labores tradicionais.

Chegados a este punto, os participantes repoñían forzas cun petisco e bebida, ao mesmo tempo que soaba a música dos gaiteiros e coa noite xa ben caída. Esta camiñata máxica continuaba coa aparición de dous meigos na búsqueda de herbas milagreiras nas paraxes do Val de Navea.

O traxecto tamén se interrumpía despois por un berro inesxperado no medio da noite que sorprendía e paralizaba ao numeroso público. Era unha muller escapando das gadoupas do Lobo da Xente. O lobishome fuxiu ante a presenza de tal multitude e a rapaza púidose salvar.

E xa no remate da ruta, podían descubrir a unha ánima que os observaba dende o alto dunha penela coa súa cara iluminada. En definitiva, resultou “unha maravillosa noite, na que o bo tempo acompañou e permitiu disfrutar das estrelas a todos os asistentes”, explican dende a organización.

Fotos: Concello de Trives

Artigos relacionados

Back to top button