En portadaGalerías de fotosÚltima hora

II Serán da Seitura na igrexa de Manzaneda

No marco deste acto presentánase o libro “Cancioneiro da Seitura Manzaneda e Terras de Trives” de Xosé Lois Foxo

O II “Serán da Seitura Memorial Ludivina Pérez Ricoi” celebrábase na igrexa de Manzaneda hoxe, día 27 de xullo, ás 18:00 horas. Posteriormente, ás 18:30 horas tiña lugar a presentación do libro “Cancioneiro da Seitura Manzaneda e Terras de Trives, de Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Nunha igrexa abarrotada, Foxo comezaba recordando a Ludivina, a homenaxeada neste serán. “Este é o resultado dun traballo humilde, é un traballo para salvar do esquecemento a esta cultura”, explicaba. Así, a gaiteira Nadia Vázquez abría as actuacións musicais.

 

 

Entre unha gran ovación, Blandina de Cotarós inaugurou a demostración de cantos de seitura cun dos cales non aparecen no libro, “Requeixo de Manzaneda”. A esta seguiulle Aquilino de Vidueira, o cal normalmente canta coa súa muller, pero nesta ocasión non foi posible.

Xosé Lois Foxo presentaba a Clotilde e Consuelo de Padín como “unhas informantes fantásticas”, para pasar así ao turno dos invitados doutros concellos.

Polo escenario improvisado desta igrexa pasaron Digna e Fiuca de Trives, Jacinta de Lentellais (O Bolo) e a máis especial, Dorinda de Pradolongo (A Veiga), a cal aos seus 98 anos impresionou a todo o público.

 

 

Foxo quixo agradecer todo o apoio e axuda recibida tanto polo Concello de Manzaneda como polo de Trives e sobre todo a todas as persoas que lle abriron as portas neste traballo cuxo obxectivo é o de “dignificar a cultura”.

Os encargados de pechar este acto foron, en primeiro lugar a violinista local María Rodríguez, que recreou o cantar da seitura da señora Ludivina; e un grupo, tamén local, de catro acordeóns.

Unha vez rematado o acto, fíxose unha foto grupal dos colaboradores deste proxecto e tanto Xosé Lois Foxo coma os protagonistas do libro alí presentes firmaron exemplares.

Texto: Alba Prada.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button