En portadaGalerías de fotosÚltima hora

II Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, en Ribadavia

Nesta cita, que concluía cun xantar de confraternidade, participaban máis de 350 persoas de medio cento de agrupacións galegas

Cun acto na Casa da Cultura de Ribadavia principiaba en torno ás dez da mañá do sábado 21 de outubro a II Xornada de Convivencia de AVPC (Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil) que organizaba a Asociación de AVPC de Ourense e Provincia. Neste encontro participaban unhas 350 persoas, das cales unhas 300 era voluntarios de Protección Civil de case medio cento de agrupacións galegas: as de A Mezquita, Maceda, O Barco, Castro Caldelas, Laza, Ourense, Allariz, Cualedro-Monterrei, Parada de Sil, Sandiás, Baños de Molgas, Os Blancos, Celanova, Cortegada, Riós, A Gudiña, A Rúa, a da Mancomunidade do Ribeiro, Manzaneda, Ribadavia, Lalín, Malpica de Bergantiños, Vilalba, Mazaricos, Carballeda de Avia, Pobra de Trives, Lobeira, Vilamartín de Valdeorras, Carballiño, Coles, Nogueira de Ramuín, O Bolo, Amoeiro, Mancomunidade Terras de Celanova, Gomesende, Viana do Bolo, Xunqueira de Ambía, Beariz, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Vilar de Barrio, Verín e A Bola. Ademais contábase cunha representación da agrupacion de Protección Civil de Alcobendas de Madrid.

O alcalde ribadaviense, Ignacio Gómez, dáballes a benvida e abría un turno de intervencións no que tamén tomaba a palabra, entre outras autoridades, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, quen se refería ao apoio da Administración galega no labor do voluntariado de Protección Civil, en temas como a formación, axudas económicas para o seu funcionamento, ademais do equipamento cedidos aos concellos para uso por parte das Agrupacións. Ademais, ao final do acto interviña o presidente da Asociación de AVPC de Ourense e Provincia, Clemente Pérez.

De seguido, dábase paso a unha serie de obradoiros sobre temas como o control da velutina, as comunicacións ou PMA. Tamén se realizaban visitas guiadas polo casco antigo de Ribadavia e pola cooperativa Viña Costeira, en cuxa explanada tiña lugar o xantar de confraternidade dos asistentes a esta xornada. Antes dese xantar, en torno ás 14:30h., procedíase á entrega de medallas ao mérito a nove voluntarios en recoñecemento polo “seu labor e entrega”. Entre os galardoados nesta ocasión estaba José María Valladares, de Protección Civil de Manzaneda, quen recibía unha encomenda de ouro “de mérito e recoñecemento á antigüidade e constancia no servizo como voluntario de Protección Civil”. Este trivés entraba no ano 1987 na REMER, onde aínda continúa hoxe, ademais de ser voluntario de Protección Civil. As nove medallas entregadas concédeas a Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Asociacións de Protección Civil de España (ANAV Protección Civil).

 

José María Valladares (Protección Civil de Manzaneda), coa súa distinción.

Esta xornada contaba coa presenza de diversas autoridades tanto da Administración galega, como o xa citado director xeral de Emerxencias, o xefe territorial de Presidencia, o director provincial de Tráfico, representantes da Garda Civil de Tráfico, así como alcaldes de diferentes puntos da provincia, entre outras.

Dende a Asociación de AVPC de Ourense e Provincia, o seu presidente, Clemente Pérez, expresaba o seu agradecemento ao xefe do servizo provincial de Emerxencias e ao persoal ao seu cargo polo labor realizado para levar adiante esta xornada, así como a Protección Civil de Ribadavia e ao Concello “pola súa entrega e traballo”, e aos seus compañeiros da xunta directiva. Tamén agradecía a asistencia, en especial, aos voluntarios chegados da provincia de Ourense, así como doutros puntos de Galicia.

 

Imaxe do xantar, na explanada da cooperativa Viña Costeira.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button