DeportesÚltima hora

II Xuntanza das vellas glorias do C.D. Vilamartín, no Bañadoiro

Moitos membros do desaparecido equipo de fútbol volvían reunirse no campo de xogo
Membros do desaparecido C.D. Vilamartín, no Bañadoiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

O C.D. Vilamartín foi un dos clubs de fútbol federado en Valdeorras na década dos anos 70. En concreto foi en novembro de 1973 cando botaba andar un equipo loitador e apaixonado que despois de máis de dúas décadas en activo, acababa desaparecendo. O equipo deixou de xogar, pero os seus membros forxaron uns lazos de amizade que permanecen no tempo.

 

Carlos Núñez e Manuel Núñez, promotores da xuntanza./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esa amizade conseguía que no ano 2015, máis de trinta anos despois, lograsen reunirse un bo número de xogadores e directivos. Daquela conseguían xuntar a 42, botando de menos a moitos que non puderon asistir polo que decidían repetir a reunión cada ano. O tempo pasou e por un motivo ou outro, non conseguiron volver a organizar a xuntanza, ata hoxe. Na tarde do 19 de xullo, o campo de O Bañadoiro, ese no que durante anos desputaban os partidos oficiais, volvía acoller unha emotiva reunión entre boa parte dos membros do desaparecido club. “Hoxe somos entre 50 e 55 compañeiros das diferentes etapas, entre eles o primeiro presidente e o primeiro adestrador, así como xente dos últimos anos. Catro xeracións de xogadores”, asegura Carlos Núñez, promotor do encontro xunto a Manuel Núñez.

 

Manuel López, xogador e primeiro adestrador oficial do equipo./ Foto: Carlos G. Hervella.

No campo, recentemente segado, houbo tempo para o intercambio de apertas, anécdotas e historias, e alí o primeiro adestrador oficial do equipo, Manuel López, lembrou o seu tempo como xogador e técnico. “Foi unha experiencia preciosa, a verdade, e hoxe levei unha gran alegría porque vin xogadores que levaba máis de 40 anos sen ver”. Manolo foi un dos impulsores do club e estivo como adestrador tres anos que recoñece, “foron moi bonitos”. Como non podía ser doutro xeito, o seu obxectivo como míster era “intentar ganar e Vilamartín era duro, tiñamos uns xogadores bos e o respaldo do público, unha afección que ía connosco a todos os sitios. Ganabámoslle ao Barco e á Rúa, non porque foramos mellores senón porque tiñamos paixón e un amor especial polo pobo”, asegura emocionado.

 

Os porteiros do C.D. Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

A segunda parte da xuntanza tiña lugar na Lastra, onde se reunían co resto de asistentes, xa que moitos traballaban e non puderon acudir ao campo.

 

Imaxe dos inicios do C.D. Vilamartín./

 

Outra imaxe de arquivo.

 

Un dos primeiros planteis do equipo de fútbol de Vilamartín de Valdeorras.

Fotos cedidas.

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-ii-xuntanza-das-vellas-glorias-do-c-d-vilamartin-concluia-cunha-cea/

Artigos relacionados

Back to top button