DeportesÚltima hora

III Maratón de escalada Canóns do Sil, o 12 de setembro

Desenvolverase na escola de escalada situada en Nogueira de Ramuín
Escalada deportiva./ Foto: Club Alpino Ourensán.
Escalada deportiva./ Foto: Club Alpino Ourensán.

A competición de escalada volta á Ribeira Sacra ourensá. O vindeiro 12 de setembro celebrarase o III Maratón de Canóns do Sil na escola de escalada situada no concello de Nogueira de Ramuín. É unha proba dunha categoría e por equipos, formados por parellas ou cordadas masculinas, femininas ou mixtas. Esta proba está considerada un referente na escalada galega e no norte de Portugal.

“Este ano o nivel de participación é de 11 cordadas de distintas partes do país. Cada equipo escalará as vías (camiños na vertical) que poida ou considere oportuno en función das súas condicións físicas e estratexia a seguir durante un tempo máximo de 12 horas, gañando a cordada que máis puntos obteña. A singularidade do regulamento permite que a competición sexa igualitaria, primando o esforzo e superación persoal, máis que a potencia física. E por iso que todos os participantes compiten en igualdade de condicións”, segundo se informa dende o Club Alpino Ourensán, promotor desta proba en colaboración coa Deputación de Ourense, o Consello Municipal de Deportes de Ourense e a Federación Galega de Montaña, entre outros.

A través deste maratón búscase o fomento desta disciplina mediante unha competición por equipos, ademais de descubrir e dar a coñecer novos talentos galegos. Asemade tanto a Federación Galega de Montaña, como o Club Alpino Ourensán, tratan de “fomentar a integración da muller nos deportes de montaña, e en concreto na escalada deportiva, debido á súa preocupación por conseguir maior participación feminina a nivel de competición”. Algo que parece que se está conseguindo nesta proba xa que na pasada edición superábase o 30% de participación feminina, segundo os seus organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button