ConcellosGalerías de fotosSan Xoán de RíoÚltima hora

III Serán da Seitura en Río, un emotivo cantar á tradición

Cantareiras tradicionais e músicos congregábanse na tarde do 1 de agosto na praza da Igualdade neste evento cultural

 

A tradición feita canto e música cobraba vida na tarde do 1 de agosto en San Xoán de Río. A praza da Igualdade deste concello acollía o “III Serán da Seitura”, que anteriormente se viña celebrando en Manzaneda, a partir das oito tarde. Un acto limitado presencialmente aos veciños de Río, pero que podía seguirse vía streaming.

“A pesar das circunstancias que vivimos, nós queremos seguir apostando pola cultura galega e por que as nosas tradicións non se perdan, xa que os pobos que apostan pola súa cultura e tradición son máis ricos a nivel cultural e a nivel económico en todo o mundo”, dicía na apertura deste evento o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Despois daba paso ao primeiro dos actos do serán, unha conferencia a cargo de Fernando Moltepeceres, “unha persoa de Mouruás, con raíces en Cabanas”, dicía o rexedor. Moltepeceres impartía a charla “O feito musical e o folclore”, incidindo no que este estudoso denomina o “sentimento ancestral”. Con el refírese a aquilo tan especial que se percibe cando se escoita unha música tradicional, sexa da parte do mundo que sexa. “Nela hai algo que nos conmove, os primeiros momentos de conexión son absolutos”.

 

 

Tras a súa intervención, tomaba a palabra Xosé Luis Foxo que, dende ese momento, ía dando paso ás diferentes actuacións, facendo antes unha lembranza especial a cantareira Divina Pérez de Manzaneda. A partir de aí actuaban, por esta orde, Manuel Méndez Silvelo de Outeiro (corno celta), Jacinta Fernández Alonso de Lentellais (O Bolo) e as cantareiras Digna de Vilanova e Fiuca de San Fiz (Trives).

 

 

Continuaba a música de cornamusas con dous membros da Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense, Paula Labrador e Nico Salgado, seguidos das cantareiras da Real Banda de Gaitas. Especialmente emotiva resultaba a peza “Negra Sombra”, adicada a todas as persoas que están sufrindo nesta crise sanitaria do Covid, interpertada ao violín por Tatiana Costomarova e o seu fillo. Logo, todos xuntos tocaban o “Cantar da primavera” e o acto finalizaba co himno galego, a cargo de Marco e Dani.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button