En portadaSanidadeÚltima hora

“Imos saír á rúa, unha vez máis, para pedir unha sanidade digna para o oriente ourensán”

Era a mensaxe da Xunta de Persoal na concentración previa á manifestación do vindeiro domingo. Ademais neste acto aseguraba que no 2021 se vén rexistrando unha media mensual de 80 traslados a Ourense dende o HPV

 

“A situación sanitaria das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo segue sendo a mesma que vimos contando nestes dous meses de concentración. Desgrazadamente non vemos unha solución por parte dos responsables do Sergas, non hai ningunha comunicación, ningún dato que nos permita ver un horizonte mellor para a sanidade pública no Distrito de Valdeorras”. Con estas palabras iniciaba o representante da Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras (HPV), Víctor Pariente, a concentración en defensa deste centro sanitario que se celebraba ás 12h. deste mércores, a última antes da manifestación que está convocada para o vindeiro domingo 28 de novembro, con saída ás 12h. dende a Casa Grande de Viloira e que, dende aí, percorrerá a vila do Barco ata chegar ao Hospital Público de Valdeorras.

Ademais, na súa intervención Pariente aludia á cifra de traslados que se rexistran no hospital barquense nestes momentos comparándoa con datos anteriores. “A primeiros do mes pasado, na última reunión co xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, el díxonos que os traslados a Ourense dende Valdeorras no ano 2019 foron 89. A media mensual que levamos neste ano é de 80. Ese é un dato a ter en conta, a verdade é que medramos case o mil por cen. É dicir que da pandemia para acá, practicamente todo aquilo que hai que tratar ou se podía tratar no HPV mándase para Ourense, o que significa que o que viñamos dicindo nestes últimos dous meses é certo: non se trata nada aquí, o único que se fai é cubrir o parte de traslado a Ourense. Iso é o único que fan os especialistas, desgrazadamente, porque non é culpa deles, os poucos que hai fan o seu traballo diariamente, é culpa de quen xestiona a sanidade pública en Ourense e en Galicia, que non pon os medios para que os cidadáns do Distrito de Valdeorras sexan atendidos no seu hospital e para que os seus centros de saúde poidan mandar aos pacientes ao hospital coa garantía de que poidan ser atendidos aquí. Agora mesmo estanse mandando ao hospital coa garantía de que van ir a Ourense, iso é o que está pasando”.

 

Cartel anunciando a manifestación en defensa da sanidade valdeorresa situado na Rúa.

 

Neste senso, o responsable da Xunta de Persoal do HPV incidía na importancia de saír á rúa o vindeiro domingo para demandar a recuperación de servizos perdidos neste centro. “Por iso é polo que o domingo volvemos saír á rúa, unha vez máis, as veces que faga falta, os anos que faga falta, goberne quen goberne imos seguir pedindo sanidade digna para o oriente ourensán, imos seguir facéndoo, e iso é o que imos facer o domingo”.

Unha convocatoria na que resaltaba, ademais, a importancia de gardar as medidas de seguridade sanitaria fronte ao Covid-19. “Hai que saír, pero con responsabilidade porque hai que recordar que a pandemia segue e que temos que respectar coa máxima precaución, as distancias, a mascarilla e a hixiene. O domingo temos que dar un exemplo de que en Valdeorras somos capaces de facer unha manifestación digna desta situación que estamos a padecer nestes últimos anos”.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button