EconomíaEconomíaÚltima hora

Importadores alemáns buscan abrir mercado con produtos de alimentación ourensáns

Esta misión comercial internacional da CEO visitará durante unha semana empresas alimentarias da provincia dedicadas a embutidos, aceites, olivas, viño ou queixos
José Carlos Varela, José Manuel Pérez Canal e Nino Dell’Orto. // Foto: Carlos Asensio.

A Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) continúa a traer misións internacionais á provincia para que coñezan os produtos da nosa terra. Nesta ocasión, dous importadores de produtos españois procedentes de Alemaña estarán estes días visitando empresas “de alimentación principalmente”, dixo o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal na presentación de hoxe, 20 de xuño.

Nesta misión comercial alemá, que durará até o próximo 23 de xuño, participan as empresas Poalva e Spanische Quelle que enviaron aos seus representantes José Carlos Varela e Nino Dall’Orto respectivamente. Segundo informou Pérez Canal todas estas actividades están enmarcadas dentro do programa Ourense Exporta que, ao mesmo tempo, está dentro do programa Galicia Exporta, financiados con Fondos FEDER europeos. En concreto, a función da CEO nesta misión comercial é “dar respaldo burocrático a actividades destinadas a incrementar a capacidade competitiva das nosas empresas”, dixo o presidente, recalcando a aposta clara do tecido empresarial ourensán pola internacionalización.

En canto ás empresas importadoras, Poalva leva funcionando dende o ano 1990 con sede en Frankfurt. A súa principal actividade é a importación de viños españois, pero pouco a pouco foi explorando máis mercados relacionados no eido da alimentación. O seu representante, José Carlos Varela, sinalou que “mercar todos os produtos non se pode” pero asegurou ter boas vibracións co mercado ourensán.

Pola súa banda, Spanische Quelle é o principal importador de produtos españois en Berlín. En concreto, xestiona dous supermercados e conta cunha empresa maiorista para grandes clientes que distribúe a 400 empresas entre hoteis e restaurantes. Entre os principais produtos que comercializan están os viños, olivas, queixos, e produtos do mar en conserva en conxelados. Nino Dall’Orto, representante desta empresa, contou que o seu primeiro contacto cos produtos galegos “foi nunha presentación na embaixada española en Berlín”. Dall’Orto sinalou que, persoalmente, os produtos da nosa terra gústanlle e o que está a buscar nesta misión é “calidade e prezo”.

Tendo en conta todo isto, o presidente da CEO, Pérez Canal,  sinalou o seguinte para concluír: “ogallá que esta misión peche con moitos acordos para que se poida incrementar a presenza de produtos ourensáns no mercado alemán e que se traduza en beneficios para todas as partes”

Agora, por diante quédanlle máis de 24 encontros de negocio que, na súa meirande parte serán visitas ás instalacións das empresas de Ourense de produtos como carnes, queixos, aceites, olivas e adegas de viño e a outra parte serán xuntanzas comerciais na sede da CEO.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button