DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Impresionante remontada do CD Barco en Calabagueiros

Co 3-2 remataba o encontro ante o Silva SD, co debut do xuvenil Quico na portería barquense

“Para ver bo fútbol en terceira división hai que vir ao Barco”. Esta é unha afirmación escoitada cada vez con máis frecuencia no campo de fútbol de Calabagueiros, e que quedaba demostrada no último partido disputado entre CD Barco e Silva SD no que os barquenses eran capaces de darlle a volta a un marcador adverso, sumando tres puntos máis na procura dun posto na promoción.

O conxunto coruñés chegaba a Calabagueiros coa necesidade da vitoria que o afastasen da zona baixa da clasificación. O barquense, pola súa banda, facíao coa baixa de Macía (con esguince cervical) na portería, defendida nesta ocasión polo xuvenil Kiko que se estreaba co primeiro equipo, facendo un magnífico partido con importantes paradas.

A primeira parte do encontro sería máis ben sosa e vacilante por parte de ámbolos dous equipos que non daban atopado o sitio no campo, rematando a primeira parte co 0-1 no marcador. Á volta do vestiario, o Silva aumentaba a distancia facendo o 0-2, ata que no minuto 63 Javi Recamán transformaba un penalti, anotando o primeiro tanto para os locais.

Ese sería o punto de inflexión do encontro que acabou converténdose nunha vertixinosa carreira polo triunfo (con ocasións erradas e paus nos dous bandos), que acabaron logrando os barquenses, co gol do empate de Mitogo (minuto 75) e o da vitoria de David Álvarez (minuto 81).

Un final de infarto para un gran partido que as bancadas cheas de afeccionados celebraron un domingo máis.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button