CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“In Terra Gigurrorum”, a memoria romana valdeorresa recuperada polos Escarvadores

Esta exposición poderá visitarse ata o 31 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo do Barco

 

 

O legado do grupo “Os Escarvadores”, creado en 1964 no Barco como sección da Sociedade Filatélica e Numismática, constitúe unha valiosa fiestra ao pasado valdeorrés. Este entusiasta grupo de afeccionados desenvolveu, de xeito especial entre os anos 60 e 70 do pasado século, unha intensa actividade arqueolóxica en diversos xacementos castrexos e romanos tanto da comarca como doutras zonas próximas como O Bierzo.

Así, asomarse á súa historia e á das súas descubertas, algunhas tan abraiantes como a do Mosaico da Cigarrosa (A Rúa), permite desvelar en certa maneira o pasado romano de Valdeorras. E iso é o que consegue coa exposición “In Terra Gigurrorum”, organizada polo Concello do Barco e comisariada polo arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer no marco do 50 aniversario do achado dese mosaico, desgrazadamente desaparecido.

A exposición, aberta ao público ata o vindeiro 31 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo do Barco, comeza explicando a xénese dos Escarvadores e o seu traballo ao longo de varias décadas contado en multitude de imaxes: no Catelo de Valencia do Sil, na Cigarrosa, nas Médulas e Castroquilame (León), en Prada e Meda (A Veiga), en Santurxo, Viloira, Larouco, Rubiá, Éntoma, Casaio…

 

 

E esta viaxe á memoria romana de Valdeorras continúa despois a través dalgúns dos materiais recuperados polos Escarvadores: aras como a do deus Tileno da montaña (Viloira), moedas recuperadas en Valencia do Sil ou no Moar, numerosos restos de cerámica, fusaiolas, pesas de tear, etc.

Na parte final da mostra, tamén se amosa unha parte das pezas descubertas na escavación realizada o pasado verán no Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) por Santiago Ferrer e que supuxo unha reactivación e posta en valor deste xacemento cuberto nas últimas décadas polo mato e que en poucos meses suma xa dúas escavacións seguidas, a última a de Sputnik Labrego en outubro.

“In Terra Gigurrorum” pode visitarse durante a semana en horario de 19h. a 21h. Esta exposición supón un tributo ao traballo investigador dos Escarvadores , “un grupo de amadores do patrimonio cultural, ao que lle debemos non só uns achados materiais que botan luz sobre o pasado senón a transmisión ás novas xeracións do seu interese polo coñecemento, o estudo e a divulgación da realidade máis próxima”, tal e como se indica dende a organización desta mostra en cuxa documentación traballou o técnico de Cultura barquense Gustavo Docampo.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button