ConcellosEn portadaÚltima hora

“In terra Gigurrorum”, un percorrido polas pegadas da romanización en Valdeorras en lembranza ao grupo Os Escarbadores

A exposición, con pezas procedentes de varios xacementos na comarca, inaugurarase o 21 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco

 

En maio deste 2019 cumpríanse 50 anos da descuberta do mosaico da Cigarrosa, un dos máis importantes da romanización en Valdeorras levada a cabo polo grupo de afeccionados á arqueoloxía que nos anos 60 formaban Os Escarbadores. Para conmemorar esta data, facendo un percorrido polas pegadas da romanización na comarca de Valdeorras; e ao mesmo tempo salientar o labor deste grupo que durante dúas décadas levou a cabo unha intensa actividade de descuberta e posta en valor do patrimonio histórico valdeorrés, dende o Concello do Barco levan tempo preparando un programa de actividades que arrancará o luns 21 de outubro co acto central: a inauguración da exposición “In terra gigurrorum. A romanzación en Valdeorras e o grupo Os Escarbadores”.

Na terra dos antigos Gigurri a cultura romana faise visible en vías e pontes, minas de ouro e canles hidráulicas, aras votivas e inscricións funerarias, pezas decorativas, cerámica, moedas, “que é preciso dar a coñecer e protexer debidamente, para que nunca máis aconteza algo tan lamentable como o do mosaico que, por circunstancias fatídicas desapareceu, conservando unicamente imaxes de mala calidade”. Así o aseguraba a concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta na presentación dos actos, que tiña lugar na mañá do 14 de outubro no concello barquense acompañada polo alcalde da vila, Alfredo García.

 

O alcalde do Barco e a concelleira de Cultura, na presentación.

 

A inauguración da mostra, que poderá verse ata o 31 de xaneiro de 2020 (de luns a venres de 19 a 21h.) terá lugar ás 20 horas do vindeiro luns e nela mostraranse “tanto pezas arqueolóxicas da colección dos Escarbadores procedentes de varios xacementos, como as achadas este verán no Castelo de Valencia do Sil tralos traballos dirixidos polo arqueólogo Santiago Ferrer, un dos nenos que se embebeu do labor do grupo chegando a orientar a súa vida laboral cara ese eido, e que será o coordinador da exposición logo do estudo, catalogación e limpeza das pezas custodiadas desde 1989 polo concello do Barco”, explicou a concelleira, engadindo que cada peza terá os elementos informativos que permitan entender a súa funcionalidade e o contexto histórico. “Fixemos unha selección das pezas máis significativas e que están en mellor estado”, dixo. O mesmo día da inauguración, o propio Santiago Ferrer Sierra dará unha conferencia no teatro sobre “As pegadas da romanización en Valdeorras”.

A seguinte actividade será o martes 22 de outubro ás 20h. cando se proxectará o documental Na procura do noso pasado romano elaborado polos alumnos dos IES Lauro Olmo do Barco e Cosme López Rodríguez da Rúa. “No Centro Cultural Avenida da Rúa xa se proxectou pero nós estabamos esperando para facelo coincidir coa exposición”, puntualizou Margarida, engadindo que a última actividade, prevista para o sábado 26 de outubro ás 10 da mañá, será unha visita guiada ao xacemento do Castelo, con saída desde Valencia do Sil.

 

Cartel das actividades sobre a romanización en Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button