En portadaÚltima hora

“In Terra Gigurrorum”, unha viaxe ao pasado romano valdeorrés da man dos Escarvadores

Esta exposición, que poderá visitarse ata o 31 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo do Barco, inclúe diversas pezas arqueolóxicas e imaxes antigas deste grupo de afeccionados á investigación

 

“Doce homes en tres soleadas mañás conseguen mover setenta metros cúbicos de terra e pedras sen máis ferramentas que unhas pobres pas e cestos. Non pode ser descrito o pasmo de cantos rematamos o noso labor. A marabilla de 24 m2 de mosaico dedicado exclusivamente a peixes coas súas cores naturais e con exemplares de golfiños, fermosos en acción de saír polo desaugue, preciosas douradas, esturións, estrelas de mar, medusas, anguías e a nosa esvelta troita do río Sil, todo deseñado harmoniosamente”. Joaquín Gurriarán, presidente de Os Escarvadores, describía con estas palabras a maior descuberta realizada por este grupo de afeccionados á arqueoloxía en maio de 1969: o Mosaico da Cigarrosa, na Rúa.

Unha descrición que recordaba na tarde do 21 de outubro a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, no acto de inauguración da exposición “In Terra Gigurrorum”, que conmemora o 50 aniversario dese achado e que permite percorrer as pegadas máis significativas da romanización en Valdeorras, seguindo ao mesmo tempo o labor arqueolóxico desenvolvido por Os Escarvadores nas décadas dos 60 e 70 do século XX.

 

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, xunto ao arqueólogo Santiago Ferrer.

 

Nesta mostra, instalada no Teatro Lauro Olmo, poden verse “tanto pezas arqueolóxicas da colección de Os Escarvadores, procedentes de varios xacementos, como as achadas este verán no Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín), tras os traballos dirixidos polo arqueólogo Santiago Ferrer Sierra, que é quen coordina esta exposición, logo do estudo, catalogacón e restauración de pezas custodiadas desde 1989 polo Concello do Barco, incorporando os elementos informativos que permiten entender a súa funcionalidade e o contexto histórico”, explicaba Margarida Pizcueta.

Seguidamente a concelleira lembraba a traxectoria e principais intervencións deste grupo de afeccionados á arqueoloxía, cunha “composición moi heteroxénea e cambiante” e entre cuxos membros habituais figuraban, ademais de Joaquín Gurriarán Salgado, Ricardo Mosquera, Manuel Fernández Rodríguez “Patea”, Ramón Rodríguez Prada “Moncho”, Joaquín González Pérez “Cua cua”, Marcos Murias Feliz, Manuel Conde Rodríguez “O Monfortino”, Tarsicio González, Carlos Rodríguez Paradelo, Ángel Fernández Fernández “Gelito”, José Luis Crespo “Curís” e Miguel Ángel Estévez “Serodio”, entre outros.

Estes tres últimos Escarvadores estaban presentes neste acto, no que tamén interviña o arqueólogo vilamartinés, Santiago Ferrer Sierra, que foi membro deste colectivo e que alumno de Ricardo Mosquera. Na súa conferencia abordaba a romanización en Valdeorras, un “proceso histórico que provocou cambios culturais nas rexións conquistadas por parte do Imperio”.

Partía do momento da conquista do noroeste peninsular por parte de Roma, no século I antes de Cristo, abordando as súas catro fases para logo analizar os pasos dados polo Imperio na súa organización político-administrativa (que inicialmente incluía a provincia Transduriana, despois desaparecida): as provincias, dentro delas os conventus xurídicos, divididos á súa vez en civitates. Valdeorras pertencía ao conventus asturicensis, con 22 civitates, entre elas a dos Gigurri.

 

O arqueólogo Santiago Ferrer, coordinador da exposición, durante a súa conferencia sobre a romanización.

 

Ferrer Sierra analizaba ademais os símbolos máis representativos da romanización en Valdeorras: a minería aurífera (e outro tipo de aproveitamentos mineiros como o do cobre) con infinidade de explotacións, o trazado viario coa construción da Via Nova (con elementos como a Ponte Bibei en Trives-Quiroga e a da Cigarrosa en Petín, o xacemento de San Salvador na Proba ou o espectacular tramo da calzada na Serra da Enciña da Lastra en Rubiá), os restos de capiteis e aras romanas, a estela funeraria de Pompeio Reburro, ademais de diversas escavacións arqueolóxicas realizadas na comarca, entre elas as dos Escarvadores.

Tras a conferencia, os asistentes visitaban a exposición que reúne diversas pezas arqueolóxicas (interpretadas e con apoio documental) da colección de Os Escarvadores e atopadas en diferentes xacementos: moedas, un ara, restos de cerámicas, fusaiolas, pesas de tear, anacos de vidro… Pero tamén material arqueolóxico recuperado no pasado verán no Castro de Valencia do Sil, O Castelo, nunha intervención dirixida polo arqueólogo Santiago Ferrer, coordinador da exposición.

 

Un dos momentos da visita á exposición.

 

“In Terra Gigurrorum” conta asemade con multitude de imaxes das actividades deste grupo arqueolóxico valdeorrés e, por suposto, do desaparecido Mosaico da Cigarrosa, neste caso da autoría do fotógrafo rues Ragar. A mostra poderá visitarse ata o 31 de xaneiro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button