CulturaCulturaÚltima hora

Inaugúrase a exposición “Fondos pétreos” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Pode visitarase no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las de martes a domingo nun horario de 10h. a 15h

 

No marco da celebración neste ano 2020 do centenario da Xeración Nós, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense quere chamar a atención sobre unha parte importante das coleccións da entidade “como son os fondos pétreos de gran tamaño que aínda permanecían na antiga sede, e que hoxe temos o pracer de presentar nun lugar tan emblemático, unido ao traballo de Florentino López Cuevillas, figura senlleira da xeración NÓS, como é o xacemento de San Cibrao de Las, hoxe Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa”, tal e como se indica dende esta institución.

Neste senso, plantéxase a exposición “Fondos Pétreos”, que vén de inaugurarse neste venres e que inclúe un total de 62 pezas distribuídas na sala de exposicións temporais do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) de San Cibrao de Las. O acto inaugural contaba coa asistencia do secretario xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, quen indicaba que esta mostra chega nun momento especialmente estratéxico, coincidindo co centenario da Xeracion Nós permitindo “poñer en valor, ademais, un lugar tan emblemático como o xacemento de San Cibrao de Las, o que visitaron preto de 5.000 persoas no transcurso deste ano, e que está especialmente unido ao traballo de Florentino López Cuevillas, figura senlleira de Nós”.

Nela abórdanse seis grandes temas, dous dos cales teñen unha relación directa coa Romanización de Galicia. “En primeiro lugar mediante nove aras ou altares de pedra consagrados a unha deidade incídese no tema da relixiosidade na antiga Civitas Auriensis, mentres que once miliarios ou columnas de pedra que balizaban as estradas romanas correspondentes á actual provincia de Ourense, ao xeito dos marcos quilométricos actuais, nos sinalan como ademais de informar das distancias funcionaban, sobre todo, como obxectos de propaganda imperial de carácter monumental”, tal e como se informa dende o Museo Arqueolóxico Provincial.

 

 

Hai asemade unha terceira parte na que, mediante dezasete pezas, incídese na difusión do Cristianismo desde a Tardoantigüidade ata a Idade Moderna tomando como referencia formas luxosas de sepultura reservadas a persoas de certo nivel social e nas que o epitafio ten como fin darlle notoriedade ao finado e manter a súa permanencia no tempo.

Cun menor número de pezas abórdanse outros tres temas: a arquitectura renacentista na cidade de Ourense a través das casas-pazo ou casas con patio, verdadeira representación da grandeza e da posición social (trece pezas), algúns aspectos relativos á auga e a hixiene no Ourense moderno e contemporáneo (tres pezas) e, finalmente, as reformas que se levan a cabo no antigo Pazo do Bispo de Ourense sobre todo a raíz do incendio se sufre no século XVII, pero onde non faltan os elementos romanos e da tardoantigüidade que estaban presentes no seu solar (oito pezas).

O feito de contar con este novo espazo expositivo xurde tamén polo comezo das obras de rehabilitación no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (situado no histórico edificio do Pazo do Bispo da Praza Maior de Ourense), o que implica “a necesidade de buscar outras alternativas para cumprir as funcións que os museos teñen encomendadas”. O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa ten un horario de martes a domingo, de 10h. a 15h.

Fotos cedidas polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button