Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Inaugúrase a nova sede da comisaría da Policía Autonómica en Ourense

As instalacións están ubicadas no baixo e na primeira planta do antigo Pazo de Xustiza

Na mañá do 21 de xaneiro tiña lugar a inauguración da nova sede da comisaria da Policía Autonómica na cidade de Ourense, ubicada no baixo e na primeira planta do antigo Pazo de Xustiza de Ourense, á que asistía  vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, o comisario xefe da Policía Autonómica, a delegada territorial da Xunta en Ourense, o subdelegado do Goberno, o xefe superior de Policía de Galicia, o presidente da Audiencia Provincial, o xuíz decano, o fiscal xefe, e os decanos dos colexios de avogados e procuradores de Ourense, entre outros.

Con esta obra, que contou cun investimento de 125.000 euros por parte da Xunta para o seu acondicionamento, permitirá á Unidade “contar cunhas instalacións axeitadas e moito máis amplas das que tiñan. Ademais de permitir deixar de aboar o arrendamento do inmoble que ocupaba anteriormente, que sumaban preto de 80.000 euros anuais”, explican dende o Goberno autonómico.

Segundo os datos aportados pola Xunta, a Policía Autonómica leva traballando 25 anos na cidade das Burgas, “levando a cabo tarefas de especial relevancia como a protección das vítimas da violencia de xénero ou a loita contra o furtivismo”. Ademais teñen encomendadas tamén “tarefas de prevención e investigación de incendios forestais, protección do menor, e conservación do medio ambiente, realizando actuacións contra pragas como as da pataca ou do pino”, aseguran. Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou que debido ao “imprescindible traballo que os axentes autonómicos levan a cabo e que as súas funcións vanse incrementando con novas competencias”, solicitou en reiteradas ocasións ao Ministerio do Interior que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, xa que na actualidade só están cubertos o 80% dos postos.

Posteriormente á inauguración, Alfonso Rueda desprazouse ata o Concello de Ourense para asinar co alcalde Jesús Vázquez, o convenio para delegar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a realización dos procesos selectivos de policías locais.

Artigos relacionados

Back to top button