OurenseÚltima hora

Inaugúrase a primeira planta de refinación de aceite de Galicia

Pertence a Aceites Abril e está situada no polígono ourensán de San Cibrao das Viñas
Descubrimento da placa na nova planta de refinación de Aceites Abril.
Descubrimento da placa na nova planta de refinación de Aceites Abril.

A primeira Planta de Refinación de Aceites de Galicia está na provincia de Ourense. Ocupa unha superficie de 20.000 metros cadrados no polígono de San Cibrao das Viñas e pertence á empresa Aceites Abril. Permitirá refinar 280.000 litros diarios de aceite de xirasol e oliveira, avanzando na calidade e trazabilidade dos seus produtos.

Estas instalacións inaugurábanse na mañá do 27 de marzo coa asistencia do presidente da Xunta da Galicia, do subdelegado do Goberno na provincia e dos alcaldes de San Cibrao das Viñas e de Ourense, entre outras autoridades. O programa comezaba cunha visita ás instalacións da fábrica e da refinería, guiada polo coxerente de Aceites Abril, José Manuel Pérez Canal. Xusto antes de entrar nesta última, o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, bendecía as instalacións. Logo procedíase ao descubrimento da placa, da man da muller do fundador da empresa, María del Carmen Canal.

O coxerente de Aceites Abril, guiando  percorrido polas instalacións desta empresa ourensá.
O coxerente de Aceites Abril, guiando percorrido polas instalacións desta empresa ourensá.

A continuación tiña lugar o acto inaugural, conducido pola directora de Marketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal. “Detrás de cada botella de Aceites Abril”, aseguraba, “hai preto de cen persoas que traballan para que a maxia do ouro verde chegue cada día ao prato dos nosos clientes”.

Pola súa banda, o coxerente de Aceites Abril apuntaba que esta é “unha planta de refinación dotada da máis alta tecnoloxía”. Un fito que marca o constante proceso de evolución e modernización que ten sufrido a empresa ourensá ao longo dos seus “55 anos de historia” e que lles ten permitido estar hoxe “presentes en máis de 30 países”.

Representantes da empresa e autoridades no acto inaugural das novas instalacións de Aceites Abril.
Representantes da empresa e autoridades no acto inaugural das novas instalacións de Aceites Abril.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausuraba o acto nunha intervención na que sinalaba que Aceites Abril está xa presente nunha trintena de países e destina á exportación catro de cada dez litros de aceite que envasa; “unha empresa que case cuadriplicou a súa cifra de negocio na última década, pasando duns ingresos de 26 millóns en 2004 a 102 millóns en 2014”.

Artigos relacionados

Back to top button