ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Inaugúrase a sede da Agrupación de Protección Civil do Concello da Rúa

Ao acto asistía o director xeral de Emerxencias e Interior Santiago Villanueva, así como representantes das principais AVPC das comarca de Valdeorras e Terras de Trives

 

Dende a súa formación en 1992, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do Concello da Rúa formou parte activa da vida desta localidade valdeorresa, presente en canta actividade ou suceso acontece na vila. Seguridade en concentracións humanas con motivo de feiras, festas, probas deportivas e actos culturais; colaboración na extinción de incendios, accidentes de circulación, inundacións ou nevadas; traslado urxente de feridos; e tamén localización e destrucción de niños de vespa velutina.

A agrupación, con Manuel Rodríguez Ortega como responsable, conta actualmente con 23 voluntarios activos de diferentes idades (que actuaron en máis de 220 operativos no ano 2019), un servizo de 24 horas e unha sede que estreaban hai uns meses e que era inaugurada oficialmente na mañá deste martes 11 de febreiro.

O acto contaba coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior Santiago Villanueva, así como de membros de Protección Civil de Petín, Vilamartín, Manzaneda e Trives e do xefe do Servizo de Emerxencias José Olivier Reboredo. Primeiro facíanse unha foto de familia nas escaleiras do Concello e de seguido acercábanse ata a sede de PC situada na rúa Progreso nº 90 baixo, a carón do Centro Cultural Avenida. O local conta con dous andares e está decorado a modo de museo, con obxectos pertencentes á agrupación, dende os primeiros traxes, fotografías e recortes de prensa, ata carnés de voluntarios que colaboraron ao longo destes anos, así como niños secundarios de vespa velutina, entre outras moitas cousas.

 

 

Durante a súa visita e acompañado polo alcalde da Rúa Álvaro Fernández e outros membros do equipo de goberno, Villanueva destacou o labor altruísta que demostran no seu traballo do día a día os membros desta entidade creada hai case tres décadas e que forma parte das 73 que conforman a rede de Protección Civil na provincia de Ourense. Nesta liña, indicou que “coa súa colaboración, tanto en tarefas de prevención como nas intervencións, contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns na defensa da súa seguridade e na atención ás emerxencias”. O director xeral de Emerxencias sinalou tamén que a colaboración cos concellos coa dotación dun equipamento adecuado aos servizos municipais de emerxencias permite que “poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións e garantir a seguridade dos seus efectivos e, por ende, dos seus veciños”.

Os membros das agrupacións de Protección Civil reciben formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo tanto de forma centralizada nas instalacións da AGASP como descentralizada en todas as provincias co obxectivo de achegar os cursos aos voluntarios e facilitarlles a súa participación. Villanueva incidiu na necesidade da formación e prevención no eido das emerxencias para ofrecer aos cidadáns a resposta máis eficaz ante calquera incidencia.

Fotos: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button