CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Inaugúrase en Vilamartín a mostra itinerante das Letras Galegas sobre Florencio Delgado Gurriarán

'Compromiso na distancia' poderá verse no Centro Cultural Santa Lucía ata o 29 de maio

 

A unha semana dos actos centrais das Letras Galegas e só tres días despois de inaugurar no Teatro Lauro Olmo do Barco a exposición ‘Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de Ensoños’, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, volvía a Valdeorras para inaugurar outra mostra, desta volta no Centro Cultural Santa Lucía de Vilamartín.

Alí permanecerá, dende hoxe e ata o vindeiro 29 de maio, ‘Compromiso na distancia’, a mostra itinerante das Letras Galegas que percorrerá 10 localidades ata decembro. No acto inaugural, ao que asistían entre outros os alcaldes do Barco e Rubiá, Alfredo García e Raquel Mª Bautista e concelleiros do Concello de Vilamartín, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a oportunidade que esta exposición supón para “descentralizar a actividade das Letras e promover o legado de Florencio Delgado Gurriarán en distintos lugares de Galicia”. Neste sentido, puxo de manifesto a importancia de escoller como primeira parada da mostra a vila natal do autor, que ten especial protagonismo na programación.

 

Algúns dos asistentes á inauguración da exposición en Vilamartín.

 

Anxo M. Lorenzo valorou a actividade que se está levando a cabo este ano cun amplo abano de máis de 150 accións dedicadas á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista impulsadas pola Xunta, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos. “Están pensadas para toda a cidadanía e desenvólvense ao longo de todo o ano coa intención de poñer en valor o papel esencial que o autor xogou na divulgación do galego e da nosa cultura ao longo do século XX”, indicou.

No acto, o secretario xeral de Cultura estaba acompañado polo vicepresidente da Deputación César Fernández quen ratificou o compromiso da Deputación coas Letras Galegas e co poeta de Valdeorras; e polo anfitrión, o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez Barreiro, quen orgulloso do poeta do concello que preside e de todos actos que sobre a súa figura se están levando a cabo, tivo unha mención especial para as Mulleres Rurais de Córgomo polo gran labor que están realizando por embelecer a aldea natal de Florencio.

 

 

A exposición consta de varios paneis explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións. O texto central e a documentación correu a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

Tras o seu paso por Vilamartín de Valdeorras percorrerá diferentes localidades galegas, con itinerancias en concellos da Rede de Dinamización Linguística e en bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. En concreto, tras o seu paso por Valdeorras chegará a Santiago de Compostela, para continuar na Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.

Esta exposición enmárcase nas diferentes accións programadas este ano polas Letras Galegas, que ademais de exposicións tamén inclúe actividades de carácter participativo, como lecturas públicas, espectáculos, rutas educativas pola comarca de Valdeorras, concursos de podcast ou a tradicional Carreira das Letras, entre outras iniciativas.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button