ConcellosQuirogaÚltima hora

Inaugúrase o Centro de Día de Quiroga

 

Aínda que leva funcionando case un ano, a pandemia do coronavirus obrigaba ao peche do Centro de Día de Quiroga ata o pasado mes de xullo e impedía a súa inauguración oficial. Este acto realizábase finalmente no mediodía do 30 de setembro, contando coa asistencia da conselleira de Política Social, Fabiola García.

Na inauguración tamén estiveron presentes o director xeral de Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez. A conselleira de Política Social agradeceu ao Concello de Quiroga a súa iniciativa para dotar á comarca dunhas instalacións modernas e equipadas, lembrou que “a conciliación familiar é un obxectivo que deben compartir todas as Administracións públicas e a propia sociedade”, para o que é necesario un clima de estreita colaboración como o que fixo posible a construción destas instalacións.

Durante o acto de inauguración non se puido visitar o Centro de Día, posto que o protocolo anti-covid impide as visitas para preservar a saúde dos usuarios. Este centro, situado nun edificio polivalente no barrio da Ribeira, foi unha longa aspiración do equipo de goberno local, que tivo que sortear numerosos atrancos ata ver materializado este proxecto. En palabras do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, supuxo “un longo proceso coa meta de ofrecerlle aos maiores da nosa comarca a posibilidade de permanecer máis tempo no seu domicilio cando se dificulta o valerse por un mesmo.

Trátase, engadía o rexedor, “dun centro moderno no que non só se atende ás persoas maiores, senón que se lle prestan servizos de enfermería, atención social, terapia ocupacional, atención psicosocial (con actividades de dinamización social e cultural); e servizo de fisioterapia para a prevención da inmobilidade”.

O Centro da Ribeira está atendido por un cadro de persoal especializado para a realización de actividades e programas, conta cun equipo interdisciplinar que elabora un plan de atención individualizada para cada persoa usuaria, co fin de que cada un deles poida realización o maior número posible de actividades.

Ademais oferta servizos externos e complementarios á demanda dos usuarios, como o servizo de transporte de recollida a domicilio, o servizo de manutención e dietas, ou os servizos de podoloxía, aseo especial ou perruquería. O número de usuarios deste centro móvese continuamente, pois os Servizos Sociais municipais manteñen permanentemente aberto o prazo para novas incorporacións, ata completar as 25 prazas coas que conta.

Estas instalacións, que acollen na súa planta baixa un Centro Social, e que nun futuro albergarán da segunda planta a Unidade de Atención Temperá que creou recentemente o Concello, serven tamén de apoio para a prestación doutros servizos sociais e asistenciais tan importantes para as persoas da terceira idade. Uns destes servizos son os talleres de memoria e de estimulación cognitiva, psicomotriz e da memoria que desenvolve o Concello de Quiroga en colaboración con Afamón (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Monforte).

Artigos relacionados

Back to top button