ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Evacuados 5 feridos do operativo de extinción no incendio de Ribas de Sil

O lume comezaba pasadas as tres e media da tarde en San Clodio

Unha gran columna de fume e chamas. É a imaxe do incendio forestal que se iniciaba ás 15:43 horas do 18 de xullo en San Clodio, no concello de Ribas de Sil (Lugo). Nel resultaban feridos cinco compoñentes do operativo de loita contra incendios da Xunta mentres traballaban no control deste lume, tal e como vén de informar a Consellería do Medio Rural. Deles, catro resultaban feridos leves e o quinto, que era trasladado ao hospital da Coruña, de carácter grave.

“Trátase dun técnico, un axente e un condutor de motobomba (o único grave) que sufriron queimaduras debido a un cambio de dirección no vento que provocou unha variación brusca do sentido das lapas; un peón que sufriu un golpe de calor e outro condutor de motobomba que presenta contusións tras envorcar o vehículo que conducía”, tal e como se indica dende Medio Rural.

A consellería tamén sinalaba que o incendio quedaba estabilizado ás 20:05 horas e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 15 hectáreas. Están traballando no seu control 2 técnicos, 4 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 2 avións.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button