OurenseÚltima hora

Incrementarase o número de axentes nas rúas de Ourense durante o Nadal para previr actos delituosos

A cidade rexistra unha diminución do 13,5% das infraccións penais segundo o balance de criminalidade correspondente ao terceiro trimestre do ano, e ten activos 180 casos no sistema VioGén

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha Álvarez, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade que se levou a cabo na Subdelegación do Goberno, para realizar unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

Tras coñecer e analizar as cifras presentadas polos responsables das forzas e corpos de seguridade, o subdelegado do Goberno subliñou que en liñas xerais, o índice de infraccións penais reduciuse no concello de Ourense nun 13,5% segundo o Balance de Criminalidade correspondente ao terceiro trimestre deste ano”, pasando das 3.064 infraccións penais no mesmo período de 2019 ás 2.650 no ano 2020. Descenden, entre outros, os delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias; os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual; os roubos con forza en domicilios e establecementos; e os furtos.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha Álvarez.

 

Na reunión tamén se informou do reforzamento dos dispositivos operativos ante as vindeiras festas de Nadal para previr actos delituosos, que contará co “incremento do número de axentes nas rúas ante o Nivel 4 de Activación do Plan de Prevención e Protección Antiterrorista. Así mesmo, nos actos públicos nos que se prevea a afluencia de numerosas persoas activaranse os operativos de seguridade habituais da Policía Nacional e da Policía Local”.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indícase que actualmente hai activos no sistema VioGén 180 casos no concello de Ourense. Deles, un presenta risco extremo, un risco alto, 10 risco medio, 61 risco baixo e 107 risco non apreciado. En canto ao seguimento dos casos activos 106 son asignados á Policía Nacional, 28 á Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e 46 á Policía Local. Constátase que “en 110 dos casos activos no sistema VioGén se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación e que son 7 as mulleres usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (ATENPRO) no concello de Ourense”.

Á reunión tamén asistiron, entre outros, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro.

Artigos relacionados

Back to top button