EconomíaEconomíaÚltima hora

Os produtores da XXV Mostra do Mel de Quiroga rexistran un incremento nas vendas

Decenas de persoas achéganse ata o municipio animadas polo bo tempo

A XXV Mostra do Mel de Quiroga celebraba esta mañá as súas vodas de prata con moi boas sensacións. Os produtores rexistraron un incremento das vendas con respecto a outros anos e incidían no bo tempo como principal causa. Deste xeito, decenas de persoas achegáronse até os postos emprazados a carón da casa consistorial para degustar e mercar o mellor produto.

Tamén os participantes aumentaron nesta 25 edición da Mostra do Mel. Isabel Marcos (A Ponte Rodela), Manuel Macía (As Estradas), Ángel Gómez (Paradapiñol), Manuel Rodríguez (Centeais), Pedro Soto (O Ibedo), Manuel Macía Castiñeira (Quiroga), e José Ángel Rodríguez (Outeiro), foron os encargados de dar a coñecer o xénero. Algúns deles, en declaracións ao Peridódico O SIL, agradeceron a renovación das casetas, xa que as anteriores, segundo lembraban, estaban en mal estado.

Os veciños que se achegaron até as rúas principais da localidade puideron degustar mel de mil flores, de castaño ou de flor de millo, pero tamén había máis produtos con selo caseiro. Así, algúns dos stands ofrecían tamén licores variados, dende os tradicionais de herbas ou de café, até outros máis innovadores de mora, cereixas ou fresas.

Ademais, a XXV Mostra do Mel de Quiroga coincidiu coa celebración do mercado mensual da vila, completando así a oferta de ocio da que gozan decenas de turistas que se deixan caer estos días pola comarca.
Texto: Sara Fontenla.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button