CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

InCrescendo Colectivo celebra o Día da Muller Rural cun retiro en Valdeorras

Un ano despois do lanzamento de "Namórate da túa vida!" as participantes no programa compartirán os seus logros nunha xuntanza

Laura Fernández coach de InCrescendo Colectivo.

 

Laura Fernández (coach) e Elvira Fernández (profesora de Educación Infantil) son as fundadoras de InCrescendo Colectivo, unha cooperativa valdeorresa coa que pretenden inspirar a outras mulleres a crer en si mesmas. No seu caso, Laura deixou prantado o seu soño de traballar na ONU para comprometerse coas súas raíces e agora, este proxecto pioneiro nun sector en voga a nivel mundial, ademais de ofrecerlles unha saída económica, axúdalles a sanar o vínculo coa súa nai, algo moi recomendable para todas esas mulleres que, por unha razón ou outra, “se esqueceron de si mesmas”.

De feito, “este podería ser un denominador común para todas as mulleres rurais, acostumadas a dar a vida, literal e metaforicamente, aos demais”, puntualiza Laura que hai un ano puxo en marcha “Namórate da túa vida!” unha iniciativa que “nos lembra a importancia de pensar nas nosas necesidades e previr problemas de saúde física ou mental que poden deteriorar a nosa calidade de vida e as nosas relacións”.

 

 

Laura puntualiza que o programa non busca exactamente o “empoderamento”, xa que parte da base de que o poder das mulleres está intacto. O que se pretende “é demostrar que con pequenos xestos podemos cambiar patróns e liberarnos do “secuestro emocional” ao que estamos acostumadas, ou dito doutro xeito, liberarnos da auto-crítica e ao medo ao que dirán”.

Outro dos obxectivos do programa “é mellorar a nosa autoestima recoñecendo as nosas fortalezas. Se ben é certo que, para a maioría das mulleres rurais, o teito de cristal é cousa doutro planeta, o que si coñecen é un pesado teito de pizarra que, desde nenas, lles impide ver o seu potencial”, di a coach, adiantando que desde o ano pasado, este reto virtual gratuíto de 21 días “leva axudado a máis de cincuenta mulleres de toda Galicia a mellorar a relación consigo mesmas e as súas familias”, asegura orgullosa. “Nunca pensei ver tantos cambios en min que ata de feito me custa asimilalos”, conta Nancy de Lalín, mentres Patricia de Ribeira engade que “Logo destas tres semanas, é a miña filla a que me busca a min. Xa non se pecha tanto na habitación”. Dende máis cerca, A Veiga, Begoña Lozano asegura que “As mulleres estamos nun momento complicado. É bonito xuntarnos, compartir e visibilizar os problemas que temos. Coido que se tecen redes”.

 

Cartel da edición de outubro 2021 de “Namórate da túa vida”.

 

E precisamente crear unha rede de mulleres rurais capaces de liderar o cambio que a nosa sociedade precisa canto antes, a través de programas de coaching individual, liderazgo femenino para emprendedoras e retiros na natureza, é a misión desta cooperativa familiar que esta fin de semana, reunirá en Valdeorras ás participantes neste programa “para colleitar os froitos dun ano moi especial, no que, ás veces por primeira vez, pensamos en nós mesmas”, di Laura.

O retiro, que terá lugar entre o 16 e 17 de outubro, incluirá unha visita á aldea de Roblido (A Rúa) para conectar coas nosas raíces e render homenaxe ás mulleres que nos deron a vida e conversar coas veciñas que aínda atesouran os segredos do mundo rural. As participantes tamén poderán degustar un xantar con produtos da terra na adega Cova da Xabreira en Seadur (Larouco) e seguir tecendo redes cun obradoiro de crecemento persoal e un magosto na Aira da Petada en Corzos (A Veiga). Por mor do aforo limitado, as prazas están reservadas ás participantes do programa en anteriores edicións.

As persoas interesadas, poden inscribirse nunha nova edición virtual gratuíta que constará de tres sesións os días 21 e 28 de outubro e 4 de novembro ás 19:30 horas a través da plataforma Zoom. Para elo, só precisan cubrir o formulario de inscrición en www.increscendo.gal/namorate/ (límite 30 prazas, por orde de inscrición).

Artigos relacionados

Back to top button