ColaboraciónsCulturaCulturaEducaciónEn portadaOpiniónÚltima hora

Indicios de fantasía e realidade na obra de Eduardo Blanco Amor

Concepción Dolores Sánchez Rodríguez afonda na figura deste autor e na súa relación con Grixoa (Viana do Bolo)

Vista do Pazo de Grixoa (Viana do Bolo).

 

Foi Eduardo Blanco Amor un home de letras, con gran riqueza intelectual, que soubo reflectir as súas vivencias facendo uso dos recursos literarios para aludir aos feitos, introducíndose nos mundos que relata dunha forma fantástica, sinalando indicios de realidade para referir as vivencias da armazón social que lle tocou vivir. Auria (Ourense) é o corazón da súa obra. Relata a súa nenez con gran sensibilidade e sente os episodios da súa infancia moi dentro de si como ben reflicte na xustificación de “Os Biosbardos“: “Veleiquí os xogos perigosos da saudade. Para nós, os emigrantes, pensar na terra é pensar na porción da nosa vida que nela socedeu.”

A personalidade de Blanco Amor está marcada polas vivencias da súa infancia tanto en Auria (Ourense) como na casa feudal ou Pazo de Grixoa que el menciona na súa obra como “Casa de los Sánchez” ( páx 166 da obra: Los Miedos). Aínda que entre 1897 e 1919 a súa estancia nesta casa non foi continuada nin excesivamente frecuente si narra algunhas das súas vivencias neste pazo e así o expresa en “Os Biosbardos”: “A min mandábanme ó pazo da miña tía viuva ó me dar ponto na escola” e tamén nos relata no seu artigo “Noiturnio” sobre a festa do Santiago: “A carón do adro locían os postos das rosquilleiras, da iauga de limón fría, das dulceiras…… aquela noite do mes de Santiago, en cuio pazo ou neno convalescía de febres ao coidado da súa fidalga tía avoa Dona Camila Sánchez de Viana.”

 

 

En efecto, Camila era a tía avoa de Eduardo Blanco Amor pero, o apelido Sánchez pertence a Bernardino Sánchez Armesto, natural de Grixoa (Viana do Bolo) que era esposo de Camila Fernández Naval, natural de Ourense. É evidente que antes as señoras usaban o apelido dos seus maridos e utilizábano para indicar pertenza ao cabaleiro co que casaran. Camila é filla da viúva Ignacia Naval, en cuxa hospedaría se aloxaban os estudantes. Ignacia Naval tivo dúas fillas, Camila e Consuelo Fernández Naval que pasaban a súa vida na rúa Lepanto da cidade de Ourense axudando a súa nai no negocio de venda de flores e na hospedaría na cal se aloxou Bernardino Sánchez Armesto, coa finalidade de realizar os seus estudos e alí coñeceu á que máis tarde sería a súa dona, Camila Fernández Naval. Desta unión saíron catro fillos: Pío, Lisardo, Saturnino e Dosinda. Lisardo, o meu avó, tivo doce fillos e entre eles o meu pai, Leoncio Sánchez Alonso.

 

Outra imaxe deste pazo.

 

Deste xeito, a vida de Camila Fernández Naval transcorría na casa feudal de Grixoa co seu escudo de armas que indica dominios de río a río e o privilexio de non dar soldados ao rei. Mentres, a súa irmá Consuelo Fernández Naval residía en Ourense casada con Vicente Amor, progresista e anticlerical. Desta unión nace Aurora Amor Fernández que casa en primeiras nupcias con Ramón Bóveda Guerra e teñen tres fillos: Obdulia, tamén chamada Julia, Castor e Camilo. Ramón Bóveda Guerra morre en 1884 e Aurora Amor Fernández casa en segundas nupcias con Víctor Blanco co que ten dous fillos: Eduardo Blanco Amor e Marina Blanco Amor.

 

 

Así foi sucedendo a vida destas dúas familias que sempre tiveron vínculos afectivos e, por iso, Eduardo Blanco Amor refire ao longo da súa obra literaria as vivencias da súa infancia tanto en Auria (Ourense) como no Pazo de San Pedro de Grixoa (Viana do Bolo). Así fai referencia a lugares que rodean este pazo na súa obra “Os Biosbardos” como “A Debesa” onde se sitúa “A Poza Grande”, lugares de pastoreo e recreo. Tamén refire nomes de lugares que rodean a zona como Pena Petada e Servaínza e, así nos relata “ Imos á Debesa?” “ Imos ós cágados na poza grande?” “Escapamos a Pena Petada ate enriba de todo?. Mañá pola fresca. Podo ir contigo á Servaínza?.”

 

 

Tamén na súa obra “Los Miedos,” Eduardo Blanco Amor exponnos relatos como o do vello Martiño “cuando servía en la casa de los Sánchez, allá por tierras de Manzaneda en el lugar de Grixoa” e, describe situacións que ocorrían no pazo como a celebración da festa do santo patrón da aldea, que é o San Pedro, desde a véspera ata que finaliza. É este un relato precioso no que refire aconteceres disfrazados de fantasía que reflicten as vivencias das xentes do pazo e da súa contorna e así nos di: “Los convidados iban apareciendo, muy seguidos, en la explanada del palacio.” “Se habían quedado en el rellano de la escalinata esperando a su ilustrísima”.

Eduardo Blanco Amor refire vivencias da súa infancia disfrazadas de fantasía e son tamén evidentes as descricións da súa contorna familiar con ese característico resentimento cara ao seu pai que abandonou o fogar familiar cando o noso escritor era aínda moi neno “después de un largo tiempo de disgustos y de interminables disputas” como expresa na súa obra: “La Catedral y el niño.” Este rancor que mostra E. Blanco Amor cara ao seu pai tradúcese nunha sublimación afectiva cara á súa nai que aparece na súa obra literaria como un fada que dá cor á súa vida e así escribe en “La catedral y el niño”: “ Mamá, como siempre, se sentó al borde da mi cama. Estaba realmente hermosa.” “Nuestra amistad era entrañable y no podíamos mantener mucho tiempo nuestras reservas”. E tamén fai referencia ao seu pai como o home que dana a sensibilidade da súa nai e así nos refire as recaídas melancólicas da súa nai como consecuencia dos disparates do pai: “ un lío de juego, de faldas o de política; una hipoteca absurda o una venta irresponsable.”

O noso escritor usa os recursos literarios para caracterizar a súa infancia que, aparece ao longo da súa obra como unha lenda da propia vida combinando a expresión popular co refinamento literario que ademais se enmarca nunha linguaxe chea de expresividade. É un escritor autodidácta, realista, republicano e demócrata que recibe a influencia de: Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Irmandades da Fala, etc. Reivindica a lingua galega e así nos expresa no seu artigo “ Noiturnio”: “ Bichín entendeu que a fala galega non era fala de servos terrícolas e mesteirosos, sinón un cadenzoso e soberbo lingoaxe de señores.”

 

 

O noso escritor emigra a Arxentina en 1919 onde é tutelado por un primo procedente de Grixoa (Viana do Bolo) chamado Leovigildo que lle facilita aloxamento na pensión da ourensá Manuela Louro e págalle os estudos que lle proporcionarían a ocupación no Banco Español.

E. Blanco Amor relata aconteceres que enmarcan os seus escritos usando esa maxia capaz de sublimar a realidade dos feitos co gran estilismo literario que caracteriza a súa obra. Era eu nena cando E. Blanco Amor morreu pero, lembro a aquel home sinxelo que aparecía ante nós con gran pausa e calma á vez que emanaba a gran madurez dun autodidacta coa sabedoría eficiente e sincera.

Lémbroo como aquel home que na súa correspondencia epistolar coa miña familia transmitía a inquedanza sincera dun inconformista cos aconteceres de España aínda que, ao final da súa vida se vía nel un acougo que supoñía o incipiente inicio do período democrático e a liberdade de expresión.

E, afortunadamente, conservo algunha das súas cartas nas que se refire a nós implicando o sentimento da súa nai coa familia Sánchez de Grixoa cando refire: “en memoria de nuestros padres que tan fraternal cariño se tuvieron, me parece que aún estoy oyendo la voz de mamá Aurora hablando de Lisardiño, como ella le llamaba”. E con este diminutivo tan cariñoso lembra E. Blanco Amor ao meu avó Lisardo. Remata o noso escritor as cartas que envía á miña familia con sincero afecto: “os abraza a todos con el mayor cariño vuestro primo y amigo.” Cando E. Blanco Amor faleceu era eu unha nena e si o teño na miña mente pero, sinto non ter tempo para dialogar con el e aproveitar moito máis a súa gran riqueza intelectual e persoal. Recordo que nunha ocasión conversaba E. Blanco Amor coa miña nai referíndolle ela sobre a gran valía da súa obra literaria e el respondeulle: “Ahora no me valoran pero, será después de mi muerte cuando mi obra literaria alcance importancia.”

 

Biblioteca no Pazo de Grixoa.

 

Nós tamén pretendemos homenaxear ao noso escritor dedicándolle unha biblioteca que cando se inaugure levará o seu nome e que estará situada dentro do Pazo que é propiedade da familia Sánchez de Grixoa coa que el está familiarmente vinculado e cuxo retrato e obra literaria se acha no salón desta casa.

É moi belo apreciar ese realismo mesturado coa fantasía que envolve a súa obra a través de alegorías, metáforas, comparacións e toda clase de recursos literarios que nos introducen nos seus escritos referenciándonos as vivencias propias situadas nun mundo imaxinario que non deixa de expoñer realidades evidentes.

Texto: Concepción Dolores Sánchez Rodríguez.

Ilustracións e fotografía: Juán Bardanca Ogando.

Vídeo cedido.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close