EconomíaEconomíaÚltima hora

A industria termal mundial dase cita esta fin de semana en Termatalia

O salón servirá como punto de referencia para negocios relacionados co Turismo Termal, Saúde e Benestar así como tamén para a transmisión de coñecementos
José María Faílde, Rosendo Fernández, Marisol Díaz, Jesús Vázquez e Alejandro Rubín. // Foto: Carlos Asensio.

A decimo sétima edición de Termatalia, o Salón Internacional de Turismo de saúde e benestar, quenta motores. Expourense prepárase para recibir aos representantes da industria termal de 40 países distribuídos en máis de 260 expositores, com Mexico como país convidado este ano.

Así o anunciou o director de Expourense, Alejandro Rubín, na presentación de hoxe, 18 de setembro. Rubín remarcou a “masiva presenza de América Latina e Europa así como a incorporación de Asia-Pacífico” este ano. Rubín asegurou que “dende hoxe entramos na Semana Internacional de Termatalia”, isto quere dicir que hoxe arrancan con cursos de formación pre-feira. Outra das novidades deste ano son tamén as Rutas Termais que farán pola provincia os profesionais. “Con Termatalia, estamos apostando pola liña de potenciación do turismo termal”, dixo, e por iso organizan estas visitas a centros termais como Laias.

Así, Rubín comentou que o éxito profesional das últimas edicións de Termatalia -Arxentina 2014 e México 2016- “impulsaron o interese dos países de América Latina para desenvolver os seus recursos termais seguindo o modelo europeo”.

Nesa mesma liña interveu o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, xa que varias rutas termais faranse a través do Inorde, entidade que preside. O vicepresidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación co Termalismo: “a implicación desta institución fará resaltar o Termalismo provincial e o termalismo social” incluídos na estratexia Ourense Provincia Termal e que van presentar durante o salón profesional.

Tamén a Universidade de Vigo, a través do Campus de Ourense, terá presencia neste salón a co II Symposium Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, englobada dentro do XII Encontro Internacional Sobre Auga e Saúde. “Contaremos con máis de 100 poñentes”, asegurou o representante do Campus de Ourense, José María Faílde.

Ademais da transimións de coñecementos, Termatalia contará con outras actividades como as Accións de Negocio, con máis de 30 turoperadores e maioristas de viaxes, así como prensa especializada. Ao mesmo tempo, esta cita servirá de plataforma para a industria da Auga Mineral envasada, con actividades como a Cata Internacional de Augas. En canto ás iniciativas para o público en xeral, o Concello de Ourense ofertará, o sábado 23 de setembro, “ioga no Centro de Interpretación das Burgas e tamén cine o martes e o xoves”, anunciou o alcalde da cidade, Jesús Vázquez. A isto súmase o festival internacional de cinema Turístico Art&Tour, a colección filatélica de Termatalia, a “Zona Shopping”, para mercar moda, viños e gastronomía, entre outros moitos eventos.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, achegou varios datos relacionados co turismo termal na nosa comunidade. Segundo anunciou a máxima representante do executivo galego na provincia, Galicia representa o 20% da oferta termal de España. Asemade, asegurou que a nosa comunidade conta con 3.000 prazas de turismo de saúde e o 60% das mesmas teñen entre catro e cinco estrelas, “o que fai de Galicia estea asociado a ese novo tipo de turismo chamado wellness”. Neste senso, Díaz Muteira reiterou que o Termalismo é, despois do Camiño de Santiago, a oferta turística que máis se promociona dende a Xunta.

Así, este salón preséntase como a punta de lanza para promover, como comentou Alejandro Rubín, “a marca termal de Galicia e de Ourense”.

Texto: Carlos Asensio.

Máis información sobre a Semana Internacional de Termatalia na seguinte ligazón:

A “Semana Internacional de Termatalia” arranca cun curso básico de Termalismo

Artigos relacionados

Back to top button