Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Infraestruturas, demografía ou sanidade, no primeiro debate das eleccións xerais na provincia

Ao longo de case dúas horas os cabezas de lista de En Marea, BNG, PSdeG-PSOE e PP expoñían as súas propostas nun debate retransmitido en directo por OSil.info

Pasadas as oito e media da tarde do 11 de abril comezaba no Auditorio de Verín o primeiro dos debates electorais dos candidatos por Ourense ao Congreso dos deputados, que podía verse en directo a través de OSil.info. Nel participaban os cabezas de lista das catro formacións con representación no Parlamento galego:  Ana Vázquez (PP), Marina Ortega (PSdeG-PSOE), Iago Tabarés (BNG) e Iván Olmos (En Marea).

Como moderador actuaba o xornalista Xosé Lois Rúa, quen ao comezo explicaba a dinámica do debate, con dous minutos de tempo para cada unha das intervencións e un turno doutros dos minutos de réplica. En total abordábanse tres bloques principais: infraestruturas e comunicacións, desenvolvemento industrial e sanidade e servizos sociais.

O turno de intervencións, que se decidía por sorteo, iniciábao Iván Olmos (En Marea) quen mencionaba a necesidade de mellorar as infraestruturas “por estrada”, de contar cun ferrocarril de cercanías e de establecer unha rede de transporte público que “vertebre a nosa provincia e que nos comunique co resto do país”. Deseguido interviña Iago Tabarés (BNG) indicando que “a comunicación é chave para o desenvolvemento territorial” e que o “AVE chegará tarde e mal”. Referíase á necesidade de comunicar Valdeorras con Ourense á través da A-76, á situación “deplorable” da estrada N-120 en Valdeorras e da A-52 na zona de Monterrei. “Para poder vivir no rural necesitamos unha Galicia vertebrada”, dicía.

En terceiro lugar, Ana Belén Vázquez (PP) aludía a que o “PP encabezou a chegada do AVE a Galicia”, a que a A-76 xa estaba proxectada e iniciándose a A52. Tamén destacaba a iniciativa do Corredor Atlántico. “Necesitamos infraestruturas, iso é desenvolvemento rural”. Pola súa banda, a cabeza de lista socialista, Marina Ortega, aseguraba que unha cousa é “presupostar e outra orzamentar” e dicía que o “goberno socialista impulsou o tramo da A-56 e a autovía A-76”. Poñía asemade en valor o AVE considerándoo “fundamental para o desenvolvemento económico da provincia”, así como “unha rede interior de estradas”.

No segundo bloque temático, o do desenvolvemento industrial, Marina Ortega facía fincapé en que “o goberno socialista demostrou que co diálogo poden facerse moitas cousas”, mentres que Ana Belén Vázquez afirmaba que o “PP cre na empresa no rural. Queremos fixar poboación por iso un 50% das nosas medidas van para o rural e para o reto demográfico”. Iago Tabarés avogaba por “unha banca pública galega”, polo desenvolvemento de tecnolóxico e por unha “tarifa eléctrica galega”, preguntándose “por que temos que pagar o custo do desprazamento da enerxía producida en Galicia e que vai para Madrid”. Defendía ademais o apoio aos produtores, aos viticultores “para que teñan unha garantía de renda”, e unha “ordenación forestal racional”. Finalmente, Iván Olmos criticaba ao PP dicindo que “non ten credibilidade dicir que quere fixar poboación no rural cando están reducindo e quintando os servizos públicos de calidade en educación, en sanidade”. Ademais avogaba por “eliminar a cota de autonómios se neses meses non ingresamos o suficiente”.

 

 

A sanidade e os servizos sociais ocupaban o terceiro bloque do debate, que abría Iago Tabarés indicando que a provincia de Ourense “perde poboación” e que “agora xa ten máis pensionistas que poboación ocupada”, sendo ademais a provincia “coas pensións máis baixas de todo o Estado. Temos que atender ao presente e atender a esa poboación con pensións mínimas para que non perda capacidade adquisitiva. E hai que derrogar a lei das pensións do PP”, ao mesmo tempo que se “adoptan medidas de futuro”. E referíase como un paso atrás á supresión da área sanitaria de Valdeorras, integrada actualmente na área única ourensá.

Pola sua banda, Ana Belén Vázquez resaltaba que “Ourense si ten futuro” e que o seu partido cre nel e sinalaba a importancia de fixar poboación no rural, mentres que Marina Ortega referíase á necesidade de “facer políticas sensibles coa cidadanía”. Iván Olmos manifestaba a preocupación que comparte con xente moza e de mediana idade sobre o futuro das pensións en España e falaba de “blindalas constitucionalmente, establecendo unha pensión mínima de 1.080 euros”. Aludía ademais a “afortalar a atención primaria, cun sistema que estea preto da xente xa que agora no Hospital Comarcal Valdeorras ou no de Verín hai días nos que non hai determinados servizos garantidos”, resaltaba.

O debate, cunha duración dunha hora e 47 minutos, concluía cunha intervención final de dous minutos por cada un dos candidatos na que expoñían as principais liñas do programa do seu partido ou reforzaban ideas anteriormente expresadas. Este primeiro debate das eleccións xerais na provincia foi promovido por O Sil, Diario do Támega e Dendealimia.com.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button