SanidadeÚltima hora

Inícianse as obras do novo molle de carga e descarga do Hospital de Ourense

A dirección pide colaboración para limitar o tráfico polo recinto para priorizar o acceso ao hospital das persoas con dificultades de mobilidade

 

Desde esta noite procederase ao valado para o inicio das obras do novo molle de carga e descarga, mediante as que se prolongará unha das galerías subterráneas de servizo, que percorren transversalmente o Hospital Universitario de Ourense, ata darlle saída ao exterior polo aparcadoiro de persoal ao ar libre, situado diante do edificio cirúrxico, segundo informa a Consellería de Sanidade.

Unha vez rematado este “novo e imprescindible punto loxístico de subministros, poderase clausurar o existente, situado no edificio Cristal, e pechar así o vial interno entre este edificio e o novo de hospitalización, durante o tempo que duren os traballos de comunicación entre ambos, ademáis de facilitar o peche do recinto das obras do novo edificio de hospitalización que se construirá axunto ao Materno Infantil”, engade Sanidade.

As obras da galería subterránea limitarán, nun terzo, a capacidade deste aparcadoiro exterior gratuíto para o persoal, con 77 prazas, aínda que parte delas se recuperarán posteriormente, ao igual que, en próximas datas, as do aparcadoiro de persoal de garda axunto. Para facilitar os traballos, desde as 24.00 de hoxe, luns día 9 de maio, non poderán acceder vehículos.

Valado do vial interno diante do Materno

Tamén ás 24.00 de hoxe luns procederase ao peche do valado que rodea ao Edificio Materno Infantil, no tramo que ocupa o vial máis interior, desde a rúa cruceiro quebrado á entrada principal ao edificio Cristal. Esto obrigará a redistribuir as prazas de estacionamento reservadas para persoas con discapacidade, habilitando dúas para os pacientes que acoden a atención temperá, ata agora situadas nese vial, así como a trasladar, proximamente, o aparcadoiro de motos a un novo emprazamento no Santa María Nai.

Para facilitar a circulación durante os traballos prégase se limite ao máximo a circulación de turismos polos viais interiores, para priorizar o acceso de persoas con mobilidade reducida e facilitar a parada ou detención de vehículos para achegar ou recoller a usuarios de idade avanzada ou con máis dificultades.

Artigos relacionados

Back to top button