ConcellosÚltima hora

Iníciase a redacción dos plans básicos municipais de 9 concellos, entre eles Viana

Previamente foi preciso obter a cartografía das 100.000 hectáreas que suman os seus territorios

Panorámica de Viana do Bolo.

 

Vén de iniciarse a redacción da segunda fase dos plan básicos municipais, da que forman parte os concellos de Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo, Alfoz, Guntín, Samos e Dozón.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar os contratos do acordo marco para o servizo de redacción deste instrumento de ordenación, pensado para os concellos de menos de 5.000 habitantes. O importe global destes contratos supera os 530.000 euros.

A financiación dun plan básico municipal é unha das vías da Xunta de Galicia para apoiar ás administracións locais na meta de contar cunha ferramenta que lles garanta unha ordenación responsable e sustentable do seu termo municipal e que está recollida na Lei do solo.

A adxudicación deste contrato é a continuación dos traballos necesarios para obter a cartografía das 100.000 hectáreas que suman estes nove concellos, que se unirán á listaxe formada por outros nove: Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río; que tomaron como modelo e exemplo o plan básico do Páramo, redacto e impulsado pola Xunta. Estes concellos da primeira fase continúan avanzando na súa tramitación, tras acadar a aprobación inicial.

“A Xunta defende que o urbanismo é unha tarefa que precisa do traballo de todos, por iso seguirá ao carón das administracións locais concedendo 3,2 millóns de euros en 2022 en axudas para a redacción dun PXOM ou para a elaboración dun plan básico, tal e como fai con 18 concellos que apostan polo mesmo, así como prestando o apoio e asesoramento técnico que necesiten. O obxectivo do Goberno galego é acadar que todos os concellos galegos conten un planeamento que protexa e poña en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo”, segundo informa a Administración galega.

Artigos relacionados

Back to top button