ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Iníciase o futuro “Arboretum da Rúa”

O Concello conmemora o Día da Árbore cunha plantación na zona do Aguillón

O vindeiro luns 21 de marzo conmemórase o Día da Árbore e no concello da Rúa adiantáronse uns días para celebralo coa plantación de preto de 60 árbores na zona do Aguillón.

O acto tiña lugar na mañá do 17 de marzo por parte do Distrito Forestal XIII “Valdeorras-Trives” coa colaboración dos alumnos dos colexios Manuel Respino e Pablo VI-Fátima, e con el iniciábase o futuro “Arboretum da Rúa”, un xardín botánico que dende o Concello pretenden poñer en marcha con árbores autóctonas. “Empezamos este ano con algunhas especies, a maioría de ribeira, e esperemos que sobrevivan. É un proxecto a longo prazo porque é moita a extensión que ten o concello nesta zona á beira do río, e non resulta doado mantelo”, asegura a alcaldesa, María G. Albert.

Para esta primeira fase de repoboación desta zona da Rúa preto da praia fluvial (na que no seu momento se talaron preto de 300 árbores), foron necesarios 3 Betula Celtiberica, 3 Fraxinus Angustifolia, 3 Fraxinus Excelsior, 3 Quercus Robur, 3 Quercus Rubra, 2 Arbutus Unedo, 3 Acer Pseudoplatanus, 3 Sorbus Aucuparia,3 Quercus Pyrinaica, 1 Corylus Avellana, 2 Picea Abies, 3 Quercus Ilex, máis 25 especies de coníferas e frondosas representativas da Peninsula Iberica aportadas polo Concello, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button