ConcellosEconomíaEconomíaÚltima hora

Iniciativa solidaria para reubicar colmeas de zonas afectadas polo lume en Valdeorras

A Asociación Valdeorras de Apicultores e a Agrupación Apícola de Galicia traballan para axudar aos produtores afectados polo incendio forestal con novas ubicacións ou mesmo alimento para as colmeas afectadas

Un dos colmeares afectados polo lume destes días en Valdeorras./ Foto: O SIL.

 

Entre os bens que lume forestal que nestes días asola Valdeorras se ten levado por diante están os colmeares. Neste senso, dende a Agrupación Apícola de Galicia vén de informarse de que, “dada a triste situación na que se encontran moitos socios afectados polos lumes destes días queremos tecer unha rede de solidaridade e contribuír dalgún xeito a facer algo máis levadeiro este desastre. Gustaríanos que nos axudárades e facer este traballo entre todos. Por elo aqueles afectados que precisen reubicar colmeas, poñédevos en contacto connosco xa que estamos a buscar emprazamentos en distintos concellos aos que levar as colmeas salvadas, así como aqueles que poidades poñer a disposición dos afectados algún colmear ou coñezades emprazamentos onde levalas, por favor comunicádenolo para poder xestionalo”.

Así mesmo, dende a propia Agrupación Apícola anúnciase que se vai “destinar unha partida de alimento sólido e líquido para poder alimentar neste tempo tan duro, sumádonos a algún socio que xa nos contactou para poñer a disposición das colmeas afectadas alimento e a axuda que precisen e estea na súa man”.

Finalmente esta agrupación diríxise aos apicultores asegurando que “non estades sós, tedes todo o noso apoio! Entre todos imos a intentar facer un pouco máis levadeira esta situación, os lumes arrasan con moito, pero nunca co noso amor polas abellas e pola natureza, ánimo”.

Así mesmo, tanto dende a Agrupación Apícola de Galicia como dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores solicitán aos concellos veciños, “así como ás comunidades de montes, GDRs e outras entidades que poidan colaborar que se poñan en contacto con nós”.

Artigos relacionados

Back to top button