En portadaÚltima horaVídeos

Inicio da campaña electoral das eleccións galegas en Valdeorras

 

Coa tradicional pegada de carteis vén de poñerse en marcha de forma oficial a campaña electoral das eleccións galegas ás 00h. do 26 de xuño. A praza do Concello do Barco era o punto de partida desa pegada para o PSdeG-PSOE e para o BNG.

 

 

Entre as persoas que asistían á pegada estaba o número catro da candidatura socialista pola provincia de Ourense, Eduardo Ojea, ex concelleiro barquense, que concorre por vez primeira a uns comicios galegos. “Estamos iniciando unha campaña para nós entusiasta, que temos moitas ganas de empezar porque hai moitas cousas que pensamos que hai que cambiar e mellorar e o feito de que o noso partido pensara en que Valdeorras tivera unha representación importante en Santiago, pensamos que é de valorar. A nosa inquedanza é traballar ao máximo para lograr un cambio de goberno na Xunta e colocar a Valdeorras no lugar que lle corresponde polo seu peso socioeconómico”, declaraba Ojea nos minutos iniciais da campaña.

 

 

Moi preto, a número tres da candidatura do BNG por Ourense, a concelleira ruesa María Albert, participaba tamén na pegada no Barco. “Empezamos con moito ánimo”, dicía, se ben matizaba que “creo que este non era o momento aínda de facer as eleccións, creo que Feijóo se equivoca e penso que a circunscrición electoral de Ourense vai ser a que determine se mantén a súa maioría absoluta ou a perde. Por iso estas son unhas eleccións moi importantes para o país, é o momento de que haxa unha mudanza en Galiza e que esa xuntanza sexa liderada polo BNG”.

 

 

Pola súa banda, o PP iniciaba a pegada de carteis no Paseo do Malecón. Desta volta esta formación política non conta con ningún valdeorrés en postos de saída na lista pola provincia de Ourense. Nela si continúa o barquense Moisés Blanco, que ocupa o posto número 12 da candidatura. Blanco estaba tamén na pegada do Barco.

Imaxes: A.R./ Alba Prada.

Artigos relacionados

Back to top button