SanidadeÚltima hora

Inicio de curso para os estudantes do grao de Enfermería de Ourense

Para garantir o distanciamento social, cada curso dividirase en catro grupos, que asistirán a clase de xeito alternativo, combinando clases presenciais con telemáticas, a través da plataforma de aulas virtuais, segundo Sanidade

 

Un total de 210 alumnos da Escola Universitaria de Enfermería comezan este luns o curso co reto de completar a súa formación nun período marcado pola pandemia de Covid-19, no que para garantir o distanciamento social, cada curso dividirase en catro grupos, que asistirán a clase de xeito alternativo, combinando clases presenciais con telemáticas, a través da plataforma de aulas virtuais, “CampusRemoto”, da Universidade de Vigo.

Este ano incorpóranse 52 alumnos, un máis que no pasado curso, que foron recibidos no Hospital Universitario de Ourense, nun acto que debeu realizarse en dous tempos polas medidas de seguridade.

Os estudos do Grao de Enfermería continúan a ser uns dos mais demandados, tanto no Campus de Ourense, como no conxunto do mapa universitario galego, polo que un ano mais a nota mínima para acceder a unha praza foi das mais elevadas, acadando este ano unha media de 11,650.

Ademais do cambio nas clases, a organización deste novo curso tívose que adaptar á realidade sanitaria, “cunha estrita delimitación de circuítos de acceso ás aulas, pero tamén nas clases prácticas, que se levarán a cabo en grupos pequenos de forma presencial. Asemade, a dirección da Escola Universitaria ten previsto o inicio tamén esta semana das prácticas clínicas, nas distintas institucións sanitarias públicas e centros sanitarios privados dos alumnos do último curso, no que igualmente se seguirán os protocolo establecido polas autoridades sanitarias”, segundo informa a Consellería de Sanidade.

 

 

O novo alumnado de primeiro foi recibido polo Director de Procesos Asistenciais e a Directora Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Javier Puente e Beatriz Cabanelas, xunto coa directora da Escola Universitaria, Milagros Fernández, e parte do equipo docente, que os puxeron ao día nas características e singularidades da escola e do propio hospital, onde adquirirán as destrezas e coñecementos prácticos da súa carreira.

Artigos relacionados

Back to top button
Close