OurenseÚltima hora

Inma López e Xosé Ramón Pena, gañadores do XXXII Premio Antón Losada

 

O premio entregarase no pazo da familia Losada o 10 de xuño.

A novela titulada “Aqueles días en que éramos malas”, de Inma López Silva, e a publicación “Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936”, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou onte, 22 de abril, no concello do Carballiño.

Segundo informaron dende o propio Concello, o xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.

Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada “Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936”, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.

Así mesmo, na modalidade de Creación Literaria, concederon o premio á novela titulada “Aqueles días en que éramos malas”, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca deste traballo “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.

Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.

Artigos relacionados

Back to top button