Concellos

A instalación do alumeado led nas rúas do Carballiño aforrará un 50% no consumo

O novo alumeado led na rúa Conde de Avellanedo. 

O Concello do Carballiño está a implantar o sistema de alumeado led na vía pública. É un proxecto que se iniciou recentemente e que se realiza por fases, debido ao seu custo, informan dende o consistorio. Así, estes días procedeuse á substitución do sistema e das lámpadas nun tramo da rúa Conde Vallellano, entre o cruce da Alameda e a rúa Evaristo Vaamonde, e está previsto continuar en canto se poida ornamentar o resto desta rúa.

Dende o Concello aseguran que dende que se puxo en marcha esta iniciativa promovida pola Alcaldía, implantaron este novo sistema de iluminación en catro rúas: Calviño, Galicia, Martínez Avellanosa e Conde Vallellano, e as seguintes fases contemplan a continuación pola Avenida Xullo Rodríguez Soto e outras rúas e avenidas. Asemade, preven realizar o cambio de sistema no polígono industrial e parque empresarial da Uceira.

No consistorio cifraron a inversión nestas intervencións nuns 40.000 euros, que foron sufragados pola administracións local, provincial e autonómica, a través de subvencións. Por outra banda, neste momento o Concello está á espera da resolución de varios proxectos presentados para proseguir coa campaña. Concretamente, isto atinxe á Avenida Xullo R. Soto e ao polígono e parque empresarial da Uceira.

O cambio de sistema a lámparas led no alumeado público supón un aforro aproximado dun 50% no gasto do consumo eléctrico, ademáis de elevar considerablemente a intensidade lumínica, mellorando polo tanto a seguridade vial e cidadá.

Artigos relacionados

Back to top button