En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

Instalado no Hospital de Valdeorras o punto de recollida de mostras para facer o test COVID-19 dende o coche

Está instalado diante da entrada de Rehabilitación deste centro hospitalario, nunha zona separada doutras áreas asistenciais, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se rexistra a mostra, quedando todo o proceso reflectido na historia clínica electrónica.

A primeira hora desta mañá instálabase no Hospital Público de Valdeorras o punto de recollida de mostras para realizar o test do COVID-19 sen baixarse no coche. Trátase do primeiro en poñerse en marcha nun hospital comarcal.

Tal e como xa se avanzaba onte neste medio de comunicación, o novo AutoCov, como se están a coñecer en Galicia estes dispositivos, está instalado diante da entrada de Rehabilitación do centro valdeorrés, nunha zona separada doutras áreas asistenciais, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se rexistra a mostra, quedando todo o proceso reflectido na historia clínica electrónica.

Desde hoxe, 23 de marzo, a porta de entrada a Rehabilitación quedará reservada para uso do equipo de recollida de mostras, formado por unha enfermeira e unha técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) en cada quenda, estando en principio previsto que funcione en horario de mañá e tarde.

A entrada de pacientes de rehabilitación realizarase pola porta de consultas externas. Mentres que o acceso de vehículos ao AutoCov realizarase con entrada pola Rúa Condesa de Fenosa e saída por Eulogio Fernández.

Ao igual que o outro dispositivo en funcionamento en Ourense, seu obxectivo é axilizar a recollida das mostras dos pacientes con poucos síntomas e autonomía, aos que se lle indica a realización da proba, ben desde o 061 ou polo médico responsable, e que recibirán nas próximas horas un SMS, coa hora da cita e a xeolocalización do punto exacto ao que deben acudir. Nunca a demanda do propio usuario.

 

 

Con esta xa son sete as unidade des recollida de mostras na Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, dúas fixas nos hospitais de Ourense e O Barco, e cinco móviles para a recollida de mostras a domicilio, formados cada un por un persoal de enfermería e un técnico de microbioloxía, unidades que seguirán traballando para achegarse para os pacientes con vivenda en puntos alonxados dos AutoCov, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade.

“O novo sistema, coordinado polo Servizo de Medicina Preventiva, ao igual que o resto de unidades a domicilio, permite axilizar os tempos de recollida da mostra ao posibilitar que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos EPIs, xa que, mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, neste caso, os profesionais so precisan un único equipo por quenda de traballo, e diminúense tamén os riscos ao realizarse de xeito individual e con só baixar a xanela do vehículo”, segundo o Sergas.

 

Artigos relacionados

Back to top button