CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Institutos de Valdeorras, Trives e Viana participan no programa Clubs de Lectura

Son os IES Lauro Olmo do Barco, Cosme López da Rúa, Xermán Ancochea de Trives e Carlos Casares de Viana

Día das Bibliotecas no IES Lauo Olmo do Barco. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O programa Clubs de Lectura chega este curso a 213 centros escolares de toda Galicia (23 na provincia de Ourense) entre os que están os institutos Lauro Olmo do Barco, Cosme López Rodríguez da Rúa, Xermán Ancochea da Pobra de Trives e Carlos Casares de Viana do Bolo. O pasado curso participaron nesta iniciativa un total de 247 centros de toda Galicia e aproximadamente 13.100 alumnos fronte aos 10.100 deste ano.

A iniciativa, que forma parte do Plan Lía de Bibliotecas escolares, ten como obxectivo “impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe desde o espazo da biblioteca escolar de cada centro”. Para tal fin a Xunta destina un total de 220.000 euros a este programa cunha asignación por centro para, fundamentalmente, “a adquisición de libros para as actividades do club de lectura (que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca) e para outros gastos derivados do seu funcionamento”.

Estes clubs actúan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas con pouco interese por este hábito. Estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

 

Artigos relacionados

Back to top button