OurenseÚltima hora

Intensa xornada de limpeza, solidariedade e deporte dos Ecovixiantes de Franciscanas de Ourense

 

Moi completa foi a xornada deste mércores 12 de maio para os Ecovixiantes de Franciscanas que comezaba cunha nova sesión de limpeza, desta volta no Parque Camiño Caneiro de Ourense onde retiraron 17 cabichómetros cheos de cabichas. “É un espazo escondido que se presta a isto”, explican dende o grupo de voluntarios do centro escolar ourensán, que intenta atallar este problema que afecta ás rúas da cidade baixo o lema “Pensando coa cabeza, non coa cabicha”.

Na mesma xornada e axudados polos profesores Cristina, Jaime, Andrea e Lalo cos Ecovixiantes completaron os pasaportes solidarios, donde se recollen as accións levadas a cabo durante este curso 2020/2021.

 

Os Ecovixiantes de Franciscanas de Ourense, preparados para o partido de hóckey.

 

Tal como explica Lalo Sánchez, un dos mestres implicados co grupo, o proxecto de voluntariado nas aulas denominado Pasaporte Solidario, pretende “fomentar a acción solidaria entre os mozos e mozas máis xoves e posicionar como instrumento educativo dirixido a impulsar e consolidar os valores e accións altruístas entre a nosa xuventude”. Trátase dun documento cuxas páxinas conteñen  propostas de actividades solidarias para todo o alumnado dos centros educativos de Primaria e da ESO de Galicia que se adhiran, que se poden desenvolver tanto no centro educativo como fóra del, e que o alumnado elixe en función das accións que desexe realizar.

No marco do programa de voluntariado social que levamos a cabo no centro, levaron como cada semana os tapóns solidarios (previamente seleccionados) a Albarellos de Monterrey. Sobre este tema, Ecovixiantes lembra que o Colexio Divina Pastora MM Franciscanas de Ourense é centro de recollida e fai un chamamento “á ourensania para que entreguen todos os que sexa posible”.

Finalmente, a xornada remataba da mellor forma posible, practicando hábitos de vida saudable, “non só co programa de mobilidade sostible STARS España, senón co uso dos aparellos biosaludables do parque que están en impecable estado de utilización”, puntualiza Lalo. Alí, disputaron un partido de hóckey entre o Atlético Pilabot e o Sporting Sogama que acabou en táboas (1-1).

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button