ConcellosO BarcoÚltima hora

Intenso debate sobre a nova tarifa eléctrica no pleno do Barco

O BNG presentaba unha moción sobre este tema que finalmente resultaba aprobada

Suso Vilasánchez (BNG), á esquerda da imaxe, xunto aos voceiros municipais de Riada Cidadá, PP e PSdeG, no pleno do 1 de xullo no Barco./ Foto: A.R.

 

O prezo da luz protagonizaba boa parte do pleno que a Corporación barquense celebraba na tarde do 1 de xullo. O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, presentaba unha moción sobre a nova tarifa eléctrica galega que resultaba intensamente debatida e que, finalmente, conseguía saír adiante cos votos do partido socialista e de Riada Cidadá, mentres que o PP abstíñase.

Na exposición da moción, Vilasánchez lembraba que o pasado 9 de marzo do 2021 o Consello de Ministros, a proposta do MITECO, aprobaba “o Real Decreto polo que establece a metodoloxía que, xunto coas peaxes do sistema fixadas pola “Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia” (CNMC) na circular 3/2020 conforman a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor ou consumidora”.

Tamén explicaba que “esta reforma, xa prevista para o ano 2020 e demorada pola pandemia, entrou en vigor o pasado 1 de xuño. Dende o BNG consideramos que esta norma xera un impacto negativo nos consumidores, danos colaterais importantes que deberán levar á reconsideración desta norma, sobre todo tendo en conta que afecta a importantes sectores da poboación que xa están sufrindo as graves consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a Covid-19″. O concelleiro nacionalista destacaba o impacto que isto ten no consumo doméstico, pero tamén no de determinadas actividades económicas”.

Finalmente propoñía unha serie de acordos que se sinalan a continuación:

“1- Trasladar ao Goberno central o rexeitamento por parte do Concello do Barco da súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis, singularmente os cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021. 2-  Instar ao Goberno do Estado a abrir un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica baixo as seguintes premisas: a) Reducir os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, singularmente a eliminación do imposto especial da electricidade e a redución do tipo aplicado no imposto de valor engadido até o 4%, b) Beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos e c) Modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía”.

Dende Riada Cidadá, o seu concelleiro Félix García Yáñez presentaba unha emenda de adición incluíndo un terceiro punto referido a “instar á Xunta e ao goberno do Estado” á creación “dunha empresa pública de electricidade”. Emenda que foi aceptada polo concelleiro do BNG, quen dicía estar completamente dacordo.

Pola súa banda, o PP manifestaba, a través do seu concelleiro Antonio Melo, que estaba de acordo co texto da moción orixinal, pero non coa emenda de adición, polo que lle pedía ao Suso Vilasánchez que a retirase para poder apoiar a moción, algo que o nacionalista declinou.

Finalmente, o voceiro do grupo municipal socialista, Aurentino Alonso, explicaba que “a todos nos gustaría que a tarifa eléctrica fora máis barata, pero é difícil, iso non se resolve sen máis, é un tema moi complexo e o goberno está a traballar nel. Isto non é un invento do goberno, vén dende Europa”. Tamén indicaba que non estaban dacordo con algún dos acordos da moción, pero si co resto, co cal plantexaba unha negociación para aprobala.

No decurso dese debate, o concelleiro do BNG optaba por chegar a un acordo e modificaba o texto inicial da moción, eliminando o primeiro punto dos acordos e modificando, así como o apartado a) do segundo punto.

Artigos relacionados

Back to top button