En portadaGalerías de fotos

Intercambio de experiencias de gandeiría en montaña, en Viana do Bolo

A vila acolle ata o 10 de outubro a II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

“Deseñamos un programa que se basea en experiencias fundamentalmente. Viana é unha zona con grandes posibilidades forraxeiras e queremos que a xente se coñeza e intercambie experiencias”, aseguraba o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) na apertura da II Xuntanza de Outono desta entidade, que se desenvolverá os días 9 e 10 de outubro na Casa da Cultura de Viana do Bolo.

O encontro comezaba pasadas as dez e media da mañá cun acto de recepción no que, ademais do presidente da SGPF, tomaba a palabra o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, para dar a benvida ao medio cento de participantes e, ao mesmo tempo, agradecer que se teña escollido esta zona como escenario destas xornadas. “A provincia de Ourense parece que existe só como zona de viñedo e como A Limia, onde está a pataca e o cereal. Pero aquí tamén hai zonas de gandeiría e de pastos, e que e mellor que falar de pastos nunha zona que ten inxentes cantidades de montes comunais dedicados a pasto”, destacaba o rexedor.

O programa da xuntanza iniciábase coa ponencia de Víctor Álvarez, enxeñeiro técnico agrícola da Consellería do Medio Rural, quen expoñía tres experiencias na mellora de pastos na alta montaña de Lugo. De seguido, Secundino Fernández interviña como ponente, na súa condición de enxeñeiro de montes e de técnico da Oficina Agraria Comarcal de Viana. Na súa ponencia abordaba a evolución das actividades agro-gandeiras na comarca de Viana do Bolo na última década (do 2005 ao 2015).

Logo tomaba a palabra Koldo Osoro, investigador do Serida, quen aportaba “algunhas ideas e plantexamentos para tratar de pór en marcha entre todos o potencial que temos. E nese senso, o minifundio non debería ser un problema, hai trinta anos podería selo, pero hoxe non, hai un montón de territorio que está matorralizado”, apuntaba.

As sesións da mañá completábanse coas intervencións do enxeñeiro técnico agrícola Marcos Vázquez coa conferencia “Que facer coas nosas labranzas?, análise económico dunha pequena explotación” e coa de Miguel Cordero, enxeñeiro de montes, que trataba unha experiencia de iniciación á cría de cabras nos Ancares.

Para a tarde está prevista a visita a unha explotación gandeira de Viana do Bolo. O programa continuará o 10 de outubro con novas ponencias e saídas.

Texto: A.R./ Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button