En portadaÚltima hora

Intercambio entre o IES Carlos Casares de Viana e o Gymnázium Brno-Bystrc da República Checa

A actividade remataba coa visita de alumnos e profesores checos á localidade vianesa

Despois de quince intensos días, na mañá do 30 de outubro remataba o intercambio académico e cultural entre o IES Carlos Casares de Viana do Bolo e o Gymnázium Brno-Bystrc, instituto bilingüe checo-español de Brno (República Checa).

No programa participaron un total de 19 estudantes e 2 profesores do centro vianés, que durante a primeira semana (do 15 e o 23 de outubro) tiveron a oportunidade de coñecer o país centroeuropeo con interesantes e inesquecibles saídas culturais a lugares como Brno, Praga, Batalla dos Tres Emperadores en Austerlitz, Telc, Kras Moravo,…

Na seguinte semana, do 23 ao 30, tocoulle o turno a un grupo idéntico de alumnado e profesorado checo que devolvían a visita a terras vianesas, con excursións a Lugo, A Coruña, Santiago, As Médulas, Ourense e a Eurocidade Verín-Chaves.

Tal como explican dende o instituto de Viana, esta actividade que xa tivo un precedente en 2009, supón “un pulo á aposta do centro vianés polos intercambios europeos”, ao tempo que axuda ao reforzo lingüístico e á apertura de horizontes culturais que esperten o interese por aproveitar futuras saídas, becas Erasmus, etc. Por iso, a intención do IES Carlos Casares é “dar continuidade a estes proxectos de intercambio con familias para facilitar, na medida do posible, a mobilidade do alumnado rural e tamén a protección exterior da comarca de Viana do Bolo”, asegura o director Carlos Ferreiro.

Artigos relacionados

Back to top button