SanidadeÚltima hora

Investígase a detección temperá da Covid-19 en dez depuradoras galegas

Rastrearase a presenza do virus mediante bioindicadores mariños para facer un seguemento a unha poboación superior aos 110.000 habitantes

Imaxe da reunión. / Foto: cedida.

 

A Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e o Consello Superor de Investigacións Científicas (CSIC) desenvolverán un proxecto para a detección temperá da Covid-19 en estacións depuradoras. Esta iniciativa permitirá facer un seguemento a unha poboación que suma en total máis de 110.000 habitantes. As depuradoras seleccionadas son as de Baiona, Nigrán, Gondomar, Cambados, Moraña, Porto do Son, Muros, Melide, Ares e Cedeira; todas xestionadas por Augas de Galicia.

Hoxe, 23 de xullo, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo un encontro cos representantes dos organismos que rubricaron o convenio: a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázques Mourelle; o de Sanidade, Jesús Vázques Almuiña; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa; a representante do CSIC, Rosina López Alonso e os representantes das empresas operadoras de auga, Geseco e Copasa. O orzamento do proxecto ascende a case 70.000 euros e contará cun prazo de execución de 3 meses.

O proceso de análise permitirá, mediante técnicas avanzadas, detectar a presenza do virus a través de feces, augas residuais e especies acuáticas e sedimentos (bioindicadores mariños). Tomaranse as mostras no entorno do vertido final prestando atención tamén á posible detección de carga viral en animais de roca e batea próximos ás depuradoras. O proxecto proporcionará unha información fundamental sobre o estado da pandemia, permitindo unha detección prematura dos posibles rebrotes.

As tarefas de investigación conxunta xa comezaron en maio nas instalacións de Cambados, Nigrán e Baiona, seleccionadas polo incremento de poboación nos meses estivais. Ata agora, tomáronse 168 mostras entre os meses de maio e xuño en diferentes partes das depuradoras e das zonas de vertedura así como de bioindicadores próximos ás saídas da auga tratada. Os resultados das análises completadas en 77 mostras resultaron negativos na presenza de coronavirus.

 

Imaxe da reunión. / Foto: cedida.

 

Outros proxectos

A Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, tamén forma parte dun proxecto en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e as empresas operadoras da auga no que está a rastrexarse a presenza do virus en augas e lodos de depuración de sete estacións depuradoras en Vigo, Ferrol, Viveiro, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Ribeira.

Artigos relacionados

Back to top button