ConcellosÚltima hora

Inxenio e orixinalidade, protagonistas na Volta Ecolóxica da Rúa

A carreira ciclista de disfraces das festas do San Roque bate récords de participación con 150 inscritos

A Rúa Vella aproveita a recta final de agosto e goza das súas festas patronais na honra ao San Roque por todo o alto. Proba disto foi o éxito acadado na tarde do sábado día 20 coa celebración dunha nova edición da Volta Ecolóxica. Esta carreira popular -na que se esixe como requisitos indispensables acudir disfrazado e en bicicleta- bateu un novo récord de participación, con 150 inscritos, e encheu as rúas da vila de inxenio, orixinalidade e moito humor.

Os participantes déronse cita na Praza César Conti arredor das 19 horas. Segundo os datos facilitados pola comisión de festas, acudiron en total 17 comparsas da máis diversa temática e tres individuais: militares, enfermeiras, caracois, galiñas e até os Xogos Olímpicos de Río serviron de inspiración aos rueses e a todos aqueles que tamén participaron das vilas veciñas. A troula estivo asegurada tamén coa música da charanga Terras do Bibei.

A chegada tivo lugar, como estaba previsto, no campo de San Roque. Alí foi tamén a entrega de premios, que recoñeceron como mellores comparsas a ‘Natación Sincronizada’ e ‘As Pitas de Guinea’. A premiada como a máis numerosa foi a ‘Brigada Fernández&Company’ e a máis orixinal foi a de ‘Eric e as súas enfermeiras’. Tamén houbo un premio especial para a comparsa de ‘Os Caracois’ e 10 medallas para os participantes máis pequenos.

Esta iniciativa, que dá signos de estar máis que consolidada no verán rués, naceu coa vontade de concienciar sobre a reciclaxe. Os disfraces nun principio debían ser creados con materiais reciclados, pero co paso do tempo, a Volta Ecolóxica evolucionou e ampliou a súa concienciación medioambiental ao uso das bicicletas, como medio de transporte limpo.

As festas continúan na Rúa durante a xornada de hoxe e mañá, con moita música e espazo tamén para os eventos litúrxicos na honra ao patrón.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button