CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Isidro G. Tato defende a ruta do Sil como entrada natural a Galicia

O historiador impartíu unha conferencia no Barco dentro do ciclo sobre o Camiño de Inverno

A Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e o Instituto de Estudos Valdeorreses únense para promocionar o Camiño de Inverno, coa organización dun ciclo de conferencias incluído na campaña “Valdeorras no mapa xacobeo do Camiño de Inverno”, co que pretenden achegar aos valdeorreses o legado cultural dos Camiños Xacobeos, en concreto por Valdeorras.

Primeiro foi José D. Rúa Pérez, autor da primeira guía editada do Camiño de Inverno quen falou sobre as reliquias do Apóstolo Santiago o Maior. Despois, Miguel Ángel Cajigal disertou sobre a historia do Camiño de Inverno “análise dun itinerario xacobeo”. E na tarde do 3 de decembro tocáballe o turno ao historiador e investigador do CESIC, Isidro García Tato (natural de Viladequinta, Carballeda de Valdeorras) que se achegaba ata O Barco para falar sobre “A ruta do Sil como entrada natural a Galicia”.

“A do Sil sempre foi unha ruta non só de peregrinación senón de todo tipo. Por que non se recoñeceu ata agora haberá que preguntarllo aos políticos que se fían máis do voluntarismo político que dos técnicos e da historia porque o fenómeno xacobeo é histórico e ten que selo tamén o Camiño, non hai que inventalo, está marcado e determinado pola historia”. Así de rotundo era García Tato facendo un percorrido pola historia do val como entrada natural a Galicia. “Unha ruta natural é aquela que dalgún xeito vén trazada pola mesma natureza, pola orografía, xeografía, hidrografía e o clima”, asegura, explicando que “toda a actividade antrópica, tanto sen camiño como con camiño que houbo polo val do Sil empezou xa coa conquista romana que se fixo no ano 25-26 a.C sen haber via algunha”.

Un século despois da conquista chegaba a primeria actuación, a Vía XVIII polo val do Sil. “Dende Bracara Augusti ata a Cigarrosa pódese seguir moi ben porque hai restos, miliarios, pontes, pero da Cigarrosa para aquí é moi difícil”, dí o historiador que non está dacordo coa teoría tradicional de que ía polo Marquesado (Rubiá)” porque non atopas restos por ningún lado. Intentou propoñerse un miliario no século XIX pero descubriuse que era falso, ademais a ponte do Rigueiral que se daba como romana resulta que o fixo Juan Antonio de Barros no ano 1818. Eu son máis da opinión de que a vía romana ía por todo o val do Sil, por Éntoma e Sobradelo, cruzaba Os Pontons, seguia por Valdebría, por Puente de Domingo Flórez ata as Médulas”.

No seu percorrido histórico Isidro García pasou pola Idade Media na que practicamente non se fixeron modificacións, e polo século XIX coa a construción da vía do Ferrocarril Palencia-A Coruña, a N-120, a 536 “sempre pola vía natural do Sil ata que no século XX chegaron as cacicadas, metendo por outro lado o AVE e a conexión de Galicia co resto da meseta, deixou dous tercios do territorio galego sen articular”.

A próxima conferencia será o sábado 10 de decembro a cargo de José Carro Otero, Catedrático de Medicina que leva anos implicado nos Camiños de Santiago.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button