ConcellosÚltima hora

IV Asemblea de “Interior Galego Vivo”, no Courel

Esta plataforma, que agrupa a colectivos de máis de 20 municipios da Galicia interior, avoga por "garantir dereitos e calidade de vida para as persoas das comarcas do interior galego, apostando pola defensa de modelos agrogandeiros sostibles medioambiental e socialmente", entre outros obxectivos

 

A plataforma Interior Galego Vivo celebraba o sábado, 10 de xullo, no Courel a súa cuarta asemblea, na que se consolidou a organización, coa elección dunha coordinadora composta por representantes das distintas agrupacións locais, con responsabilidades de coordinación política, organización, finanzas e difusión e formación, que se establecerán neste mes de xullo.

A IV Asemblea no Courel serviu para sumar a persoas e colectivos de máis lugares, contando con candidaturas e agrupacións locais de persoas dos concellos de Antas de Ulla, A Pobra de Brollón, Carballedo, Chantada, Chandrexa de Queixa, Ferreira de Pantón, Folgoso do Courel, Laza, Manzaneda, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, O Saviñao, Palas de Rei, Pereiro de Aguiar, Quiroga, Samos, Sober, Taboada, Touro, Trives, Vilalba e Xinzo, tal e como informan dende a entidade.

Asemade, nesta plataforma participan movementos veciñais como comunidades de montes, asociacións feministas e viciñais, movementos sociais e plataformas en defensa do ferrocarril e contra proxectos eólicos invasivos, que tiveron voz nesta xornada do Courel.

Por outra parte, nesta asemblea fixábase a periodicidade das asembleas xerais en, canto menos, unha ao ano, que rotará territorialmente, celebrándose a seguinte en outubro deste 2021 en lugar por determinar. Tamén se manifestaba a vontade de seguir sumando a persoas e colectivos a prol da nosa arela común.

 

 

Asemade, acordábase a constitución ao longo do verán de distintos grupos de traballo para ampliar a proposta programática de Interior Galego Vivo, centrada “en garantir dereitos e calidade de vida para as persoas das comarcas do interior galego, apostando pola defensa de modelos agrogandeiros sostibles medioambiental e socialmente, un modelo de atención social centrada nas persoas, defensa de servizos sanitarios públicos e accesibles en todo o territorio, o impulso da economía social, ampliación da oferta de formación profesional no interior orientada á agrogandeiría, transporte público accesible ou promoción dun modelo enerxético descentralizado, público e alonxado da especulación e grandes impactos ambientais”.

Así mesmo a Asemblea de Interior Galego Vivo aposta “decididamente por propoñer modificacións lexislativas que transformen a vida da maioría social, comezando a traballar nunha proposta de fiscalidade rural que favoreza o mantemento e asentamento de poboación nos nosos municipios”.

As persoas e colectivos presentes comprometíanse a “continuar tecendo rede, transcendendo o local para coordinarse entendendo que as problemáticas e solucións pasan mesmo por unha coordinación de proxectos cidadáns a nivel europeo”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button