En portadaÚltima hora

A IV Mascarada Ibérica de Vilariño e Viana consolídase “con máis de 600 participantes”

No evento participarán festas de inverno de toda Galicia, Asturias, ambas as dúas Castelas, Cantabria e Portugal
Rosendo Fernández, Melisa Macía, Nieves Rodríguez, Secundino Fernández e Jorge Domínguez. // Foto: Carlos Asensio.

Un ano máis, a Mascarada Ibérica chega a Vilariño de Conso e Viana do Bolo. Un evento que reunirá nestas dúas vilas “a máis de 600 participantes”. Así o aseguraron o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, e a alcaldesa de Vilariño, Melisa Macía, na presentación desta cita hoxe, 9 de xaneiro, no Pazo Provincial da Deputación. Unha cita que se vai celebrar o día 13 de xaneiro ás 16:30 horas en Viana do Bolo e o día 14, ás 12:00 horas, en Vilariño de Conso.

Ambas as dúas convocatorias van consistir nun desfile onde cada unha das mascaradas van facer o característico que fan durante o Entroido nos seus pobos e vilas.

Segundo explicou o presidente da Comisión do Entroido de Viana do Bolo e un dos organizadores desta Mascarada Ibérica, Jorge Domínguez, “pasamos de ter 26 agrupacións o ano pasado a teres 39 nesta edición”. E aproveitou a ocasión para lanzar a petición de axilizar os trámites para que o Entroido galego sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: “Se os Castellets de Cataluña ou o flamenco o son, creo que o Entroido ben o merece  tamén”, dixo.

Por parte da provincia de Ourense prevese que participen un total de 19 representacións. Estará o Fulión de Buxán (O Bolo); o Fulión das Carrelas, Cabo da Vila, os Rurais e o Alternativo, todos de Viana do Bolo;  a Asociación Xuntos polo Fulión, de Vilariño de Conso; o Fulión de Mormentelos, tamén de Vilariño; o Fulión a Mourela p’acá de Manzaneda; os Galos de San Pedro (A Merca), as Madamitas de Entrimo, as Bonitas de Sande, Troteiros de Bande, Felos de Maceda, Pantallas de Xinzo, Cigarróns de Verín, os Peliqueiros e o Parranfón de Campobecerros, Vellarróns de Riós e o Touro e Xigante de Celavente. “Estarán representados todos as festas de Interese Turístico Galego a excepción de Laza”, dixo Jorge Domínguez.

Pero tamén haberá representacións de Entroido doutras partes de Galicia: os Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, o Entroido de Cobres (Vilaboa), o Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada). E do resto da Península haberá celebracións de inverno concretamente de Cantabria, Asturias, Guadalajara, León, Zamora e Portugal, “que lle dá ese carácter internacional”, asegurou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Neste senso, o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, asegurou que este evento “é o máis importante de Galicia en canto ao Entroido se refire”. O rexedor apuntou que o característico desta festa é “que non escapa do ámbito rural, que é onde está o xerme desta festa, xa que se celebran en dúas vilas onde hai unha anterga tradición de Entroido”. Tamén a alcaldesa de Vilariño remarcou esta característica da Mascarada Ibérica, alén de que “é unha oportunidade única de ver a meirande parte das celebracións de Entroido de Galicia todos xuntos, cousa moi difícil durante as datas propias de celebración destas festas”, dixo.

Hai que lembrar que esta festa foi recoñecida pola Sociedade Española de Antropoloxía e Tradicións Populares no 2016 co premio o Premio Nacional de Tradiciones 2016.

Aloxamentos, ao 100%

Máis alá do sentimento e do interese antropolóxico e festivo, ambos rexedores aseguraron que este evento supón un importante beneficio económico para ambas as dúas vilas. “Temos a ocupación hostalería ao 100%”, aseguraban ambos alcaldes. Alén de que “outros terán que ir a pernoctar ás vilas da contorna como A Rúa ou A Veiga”.

Pero non só hai que contar cos participantes, senón cos visitantes que acoden a Viana e Vilariño a gozar desta Mascarada Ibérica. “Hai unha parella de Cartaxena que me chamou para saber que tempo ía facer eses dous días”, asegurou Jorge Domínguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button