En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A IV Mascarada Ibérica enche de rituais de inverno Vilariño

Na segunda xornada da cita desfilaban pola vila máis de trinta mascaradas, entre elas numerosos folións do oriente ourensán ademais de grupos de Galicia e doutras zonas da península ibérica

Coa música de gaitas acompañada pola fermosa e elegante danza das Madamas e Galáns de Cobres encetábase no mediodía do 13 de xaneiro a segunda xornada da IV Mascarada Ibérica en Vilariño de Conso. Numerosas persoas seguían este evento festivo e etnográfico que congregaba a máis de 30 celebracións de inverno da península e no que tiña gran protagonismo o Entroido ourensán. Así, despois do Entroido de Cobres (Vilaboa, Pontevedra), podía verse aos Touros e Xigantes de Celavente (O Bolo), seguidos por diversos folións como eran o do Cabo da Vila, os Fulións Rurais, o das Carrelas ou o Alternativo (todos eles de Viana do Bolo), precedidos polos seus Boteiros.

Tamén participaban no desfile a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e o Folión de Mormentelos, ademais do da Mourela p’acá (Manzaneda) e do de Buxán (O Bolo). Non faltaban tampouco máscaras ourensás como os Felos de Maceda, os Galos de San Pedro (A Mezquita, A Merca), os Troteiros de Bande, as Bonitas de Sande (Cartelle) ou os Vergalleiros de Sarreaus. Ademais percorrían a vila os personaxes do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), os Merdeiros de Vigo e os Xenerais da Ulla, que, dacabalo, pechaban o desfile.

Esta cuarta edición da Mascarada Ibérica incluía festas de inverno doutras comunidades autónomas como o Antruejo de Carrizo de la Ribera (León), o Atenazador de San Vicente de la Cabeza e a Talanquera e Visparra de San Martín de Castañeda (Zamora), os Diablos de Mascaritas de Luzom (Guadalajara) ou a Vijanera de Silió, os Zamarrones dos Carabeos e o Antruido Pare de Piasca (as tres de Cantabria).

Importante era tamén a representación portuguesa da man do Velho Chocalheiro de Vale de Porco, o Careto de Valverde, o Chocalheiro de Bemposta, os Velhos de Bruçó e dos Caretos de Parada e Lazarim.

O desfile concluía rozando as tres da tarde e, seguidamente, os participantes desprazábanse ata o pavillón polideportivo onde compartían un xantar a base de embutidos, empanada, xamón asado, orella cocida ou consomé, entre outros produtos, acompañados por viño ou refrescos. Como sobremesa, servíase o delicioso doce típico de Vilariño: o montonico.

Esta IV Mascarada Ibérica de Viana de Bolo e de Vilariño de Conso ten sido organizada pola Comisión do Entroido 2018 de Viana, pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño e a Saga coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais de Viana e os Concellos de Vilariño de Conso e de Viana.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis fotos da Mascarada:
https://www.osil.info/mais-fotos-da-iv-mascarada-iberica-nas-ruas-de-vilarino-de-conso/
https://www.osil.info/centos-de-enmascardos-toman-viana-bolo/
https://www.osil.info/cea-da-iv-mascarada-iberica-viana-bolo/
https://www.osil.info/mais-fotos-da-iv-mascarada-iberica-viana-bolo/

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close